Se retomamos dende aquí o nacemento do movemento ecoloxista tal e como o entendemos, situaríamolo nos anos 70. Existen precedentes nos anos 50 de asociacións “conservacionistas”, adicadas á protección da flora e fauna, que eran consideradas “elitistas”. Foi o movemento pacifista antinuclear o que impulsou o nacemento de diversos grupos ecoloxistas ó norte de Europa. Nos Estados Unidos o Serra Clube destacou por impulsar este movemento.

O denominado Informe Meadows de 1972, redactado polo Clube de Roma, formado por economistas progresistas internacionais, foi un importante chamamento acerca dos problemas que o mundo desenvolto ocasiona ó medio ambiente.

Durante os anos 70 nacen os grupos ecoloxistas Greenpeace e Amigos da Terra. Na época dos 80, a percepción que existía sobre os grupos ecologistas foise tomando máis en serio. As redes do ecoloxismo comezaron a espallarse por todo o mundo e os grupos foron recoñecidos coma interlocutores válidos con respecto ós asuntos do medio ambiente. Sen embargo, os gobernos e empresas non se preocupaban demasiado polos impactos ambientais que provocaban. Será nos anos 90 cando xurdan áreas profesionais nas administracións e empresas que amosan as súas interpretacións sobre como coidar o medio ambiente, non sempre en consonancia coas valoracións dos ecoloxistas.

A situación actual

Como os colectivos ecoloxistas eran os únicos que falaban do medio ambiente, a explotación dos países pobres, o despilfarro de enerxía, moitas empresas e administracións consultábanlles para obter as súas valoracións e coñecementos. Hoxe en día moitas empresas e consultorías ambientais “compiten” con estes grupos. Moitas veces, as súas valoracións restrínxense á aspectos técnicos, e non se “mollan” á hora de cuestionar o sistema do desenvolvemento, que no fondo da cuestión é a “loita” dos colectivos ecoloxistas.

O sistema económico internacional, baseado no consumismo, e os propios gobernos, están controlados polas multinacionais. O impacto da globalización fai moi difícil atallar a problemática ambiental, sobre todo a nivel local. As empresas están organizadas de maneira que finxen ter interese e preocupación polo medio ambiente, mais as medidas que toman son insuficientes e non amosan un interese real por mudar a situación.

É complicado chegar ós millóns de consumidores que son bombardeados a cotío con publicidade e enganos. Os ecoloxistas temos moi poucos medios económicos para contrarrestar este impacto, e para achegar a todos eles a nosa mensaxe.

O eslogan de Amigos da Terra é “Pensar globalmente. Actuar localmente”. Hoxe en día somos conscientes de que tamén hai que actuar “globalmente”. O movemento ecoloxista ten que mundializarse para combater os impactos negativos da globalización. Debido a que son as corporacións transnacionais as que toman as decisións sobre o reparto dos recursos, moitos gobernos perden o control dos seus, a nivel nacional. O movemento ecoloxista actuará a nivel local e nacional, pero tamén a nivel internacional. É necesario influír nas decisións políticas internacionais e, á súa vez, ofrecer apoio ós cidadáns a través de actuacións locais.

Historia de Amigos da Terra

A andaina de Amigos da Terra en Galiza comeza no 1997, pola iniciativa de Xulio López en Ourense. O traballo constante na elaboración de proxectos reais que implicaran á cidadanía no medio ambiente, fixo que a asociación fora medrando e abríndose a posibilidades de contar con máis persoal contratado e voluntarios tanto locais coma europeos que participaban nas actividades da asociación, baixo dous eixes principais de actuacion, por unha parte reinvidicativa e de activismo e por outra de sensibilización e educación ambiental.

Dende o ámbito reinvidicativo e de denuncia da situación ambiental en Galiza a asociación viuse implicada na realización de numerosas denuncias contra canteiras, vertedoiros incontrolados, talas de árbores, vertidos, etc.

Con relación á defensa dos animais viñéronse presentando denuncias contra as chegas de bois en Muíños dende o ano 2000, así como tamén contra o depósito de reses mortas polas vacas tolas no caso Sugasa.

A proliferación das antenas de telefonía móbil no ano 2000, levounos a facilitar información ós concellos: un modelo de ordenanza municipal para a colocación de ditas antenas lonxe de lugares sensibles.

No ano 2001 facíase un informe ambiental sobre a situación dos matadoiros da provincia de Ourense, no cal se reflectía a lamentable xestión dos vertidos de augas por parte de case todos os matadoiros, ademais da estación depuradora de Ourense e de Monforte de Lemos.

O ano 2002 veu marcado polo desastre do Prestige, formamos parte do movemento social Nunca Mais e nos vimos implicados na coordinación de envío de voluntarios da provincia de Ourense para a limpeza das praias, así como tamén colaborando na recuperación de aves no centro de Cotorredondo.

Como membros do Comité pola Defensa do Monte Galego, realizáronse numerosas actuacións reinvidicativas contra a problemática dos incendios forestais e alegacións contra a construción dun cercado cinexético en Montederramo, que é un LIC da Rede Natura.

Tamén foron moitas as alegacións a instalación de minicentrais, parques eólicos, e na elaboración do PXOU de Ourense. Por outra banda, dentro do campo de información ambiental, sensibilizacion e concienciacion ambiental, levamos a cabo numerosas actuacions: charlas, obradoiros, exposicions, organización de cursos e seminarios, festival polo medioambiente, premios bandeira verde, elaboracion de material impreso (guía de información ambiental para a xuventude, cartazes, boletíns e trípticos informativos).

Entendemos o medioambiente de xeito xeral, e desde sempre vimos colaborando con diferentes asociacións sociais e culturais coma AECC, Cruz Vermella, ATOX, Centro Trama, Proxecto Home, o­nCE, Aixiña, AAVV de Veciños, Asociacións de consumidores, Casa da Xuventude…

Por último cabe dicir que desde xuño de 2005 Amigos da Terra conta cunha renovada equipa coordinadora. É un dos seus principais obxectivos é continuar cun novo proxecto de fomento e implicación na defensa do medioambiente a nivel persoal, local e global.

Agardamos por vós,
agardamos que cada día sexamos máis Amig@s da Terra.