A asociación Amigos da Terra, acolle a duas novas voluntarias europeas: Alison Moore do Reino Unido e Cecilia Phelippe de Francia, que acaban de iniciar o seu voluntariado e permanecerán en Ourense durante 1 ano. As voluntarias súmanse aos distintos proxectos de información e educación ambiental que se desenvolven no noso centro.

O proxecto foi recentemente aprobado pola Comisión Europea dentro do Programa Xuventude en Acción da Unión Europea e conta cunha axuda económica de 16.430 Euros.

Este proxecto esta enclavado dentro do Servizo Voluntario Europeo, que busca a mobilidade dos mozos e mozas europeos doutros países para que coñezan as diferentes realidades culturais e sociais doutros países participando en iniciativas que contribúan á mellora social e ambiental.

A asociación Amigos da Terra conta na actualidade con outros dous voluntarios Tiina Leminen de Finlandia e Lionel Tayemans de Bélxica, que participan no mesmo proxecto dentro do programa xuventude da Unión Europea.

Dende Amigos da Terra queremos dar a benvida a Alison Moore e Cecilia Phelippe e animar a todos os mozos e mozas galegos que queiran participar no Programa Xuventude da Unión Europea que non desaproveiten a ocasión e que se pasen polo noso centro para facilitarlles mais información.