A Ordenanza presenta un articulado feble e pouco traballado que non reflicte o aumento da concienciación da cidadanía ourensá respecto á protección dos animais, nin trata a problemática de fondo do benestar animal

Amigos da Terra asegura que nada se avanzou en relación ao aumento da protección e defensa dos animais, o que sitúa ao goberno local ourensá como unha administración carente de concienciación e de sensibilización cos animais da cidade.

A organización ecoloxista presentou as alegacións a un texto normativo que consideran que non se axusta á realidade social dos nosos días onde hai un gran número de cidadáns concienciados e sensibilizados coa protección e defensa dos animais. Esta norma supón un claro retroceso social de Ourense en detrimento dos animais e dos seus posuidores. Así, parten da idea de que se debe establecer como base para a elaboración desta norma municipal, a Declaración Universal dos Dereitos dos Animais declarada pola UNESCO en 1978 e da propia Constitución Española, como marco dun medio ambiente axeitado e protexido polos poderes públicos.

 Fonte: Amigos da Terra. Ecovixianza en tendas de animais. Xuño 2008

As alegacións presentadas teñen como obxectivo o recoñecemento dos dereitos dos animais para asegurar o seu benestar, sexan animais domésticos que vivan nunha vivenda, vagamundos ou ben, os que se atopan á venta en establecementos da cidade. Ademais, reclaman maior participación pública dos axentes implicados na protección dos animais. Dita participación, vai asegurar a creación dunha norma completa e baremada dende diferentes ángulos, non so respecto ás obrigas e dereitos da cidadanía senón, principalmente, respecto á defensa dos dereitos dos animais.

 Fonte: Amigos da Terra. Ecovixianza en tendas de animais. Xuño 2008

Unha das eivas máis graves que presenta o borrador é a ausencia total dunha regulación explícita sobre a canceira municipal, xa que é un dos centros máis importantes de acollida de animais dun concello. Debe regularse o tipo de canceira de que disporá o concello, condicións de aloxamento dos animais, a cualificación dos coidadores do centro, que programa de promoción da adopción formula o concello e que recursos económicos, técnicos e materiais vai destinar a este centro.

Fonte: Matar por matar, non! Canceira O Carballiño. Setembro 2008

Por todo elo, o colectivo ecoloxista espera se teñan en conta as súas recomendacións para lograr acadar un texto máis xusto tanto para os cidadáns como para os animais que conviven na cidade.

Fonte: Amigos da Terra. Ecovixianza en tendas de animais. Xuño 2008