O vindeiro 13 de outubro remata o prazo para presentar as alegacións que se estimen pertinentes ao proxecto polo cal quedará aprobada a creación do Gerês-Xurés como Reserva da Biosfera.

Este título lle concede ao, xa nomeado Parque Natural Transfronterizo Gerês-Xurés, un recoñecemento internacional outorgado pola UNESCO. Aínda que non está protexido por ningún Tratado Internacional, a obtención do título de Reserva lle confire o recoñecemento de interese científico á zona.

A conservación e a protección da biodiversidade son os obxectivos principias dunha Reserva da Biosfera, perseguindo tamén o desenvolvemento económico e humano do lugar.

Pero, pese a todas estas categorías de protección ambiental (inminente Reserva da Biosfera, Parque Natural, Rede Natura 2000) o certo é que continúan a producirse todos os veráns incendios forestais, continúan as desfeitas ambientais e os desfases urbanísticos.

Amigos da Terra espera que, con posterioridade ao inminente nomeamento da Reserva Internacional da Biosfera Gêres-Xurés, ademais de obter a zona un novo título, realmente se executen as políticas de protección ambiental proxectadas e non sexa o nomeamento un simple feito publicitario da Consellería de Medio Ambiente.

O colectivo está a revisar o documento, para incidir nas cuestións ambientais que consideran se omitiron no mesmo.