Amigos da Terra continúa coa Campaña A Aposta 2008 destinada aos fogares galegos, co reto de acadar o 5% de aforro en Enerxía, Auga e Transporte respecto ao consumido no ano anterior.

O próximo 15 de Outubro o programa arranca no Concello de Allarizcon 30 fogares voluntarios, integrado nunha rede estatal onde Amigos da Terra xunto a outras entidades de diferentes comunidades autónomas pretenden reunir un total de 350 fogares voluntarios que estean dispostos a aceptar o reto. O programa conta coa financiación do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño.

Estes fogares realizarán un sinxelo control de consumos a medida que van aplicando consellos de aforro de enerxía que desde Amigos da Terra lles facilitaremos. Este seguimento axudaranos a saber como disminúen os consumos nos nosos fogares.

Amigos da Terra facilita aos protagonistas desta experiencia:

  • Un manual de consellos e recomendacións de aforro e eficiencia enerxética no fogar.
  • Tres obradoiros básicos para a aprendizaxe da aplicación destes consellos, ademais de aclarar as dúbidas técnicas e os detalles do funcionamento do programa.
  • Atención personalizada aos fogares voluntarios.
  • Un pacote de aforro enerxético cunha lámpada de baixo consumo, un termómetro e un xogo de perlizadores.

O obxectivo deste tipo de experiencias é observar o comportamento, neste caso enerxético dos fogares participantes, e extraer conclusións que poidan axudar a aforrar enerxía.

Hora de presentación: 20h

Lugar: Centro de Desenvolvemento Económico de Allariz (Rúa Portelo nº4, enriba do Museo do Xoguete).