A Aposta por frear o Cambio Climático en Europa, España e Galicia.
A Aposta é unha campaña de educación ambiental que se desenvolveu xa en vinte países europeos. A primeira Aposta fíxose en Alemaña en 1998 dirixida á mocidade a través de BUNDjugend. Mozos e mozas foron quen de aforraren 10 millóns de Kg de CO2 en tan só un ano escolar. A raíz do éxito da iniciativa, realizáronse novas edicións da Aposta. Así, acadouse a marca de apostantes, chegando até 50.000 participantes na campaña europea do 2001. A Aposta en España comezou a fraguar coma consecuencia dunha xuntanza de mozos europeos celebrada en París en xullo de 2000. Despois da experiencia coordinada a nivel estatal, Amigos da Terra en Galicia comeza a traballar de xeito continuo desde o 2001, grazas á colaboración do voluntariado tanto local como europeo.

Pensa Globalmente, Actúa Localmente é o motor desta campaña. O proxecto baséase na aprendizaxe de conceptos e actitudes o­nde analízase a realidade, búscanse respostas e propóñense solucións acadar o obxectivo de redución das emisións, empregando a pedagoxía do compromiso, promovendo que se asuma a responsabilidade e a interiorización das cuestións plantexadas, cambiando así o comportamento por “si mesmos” identificándose cos valores que constitúen a base do proxecto: responsabilidade, participación e cooperación. A Aposta por frear o Cambio Climático motiva ás actitudes positivas cara o medio ambiente, favorecendo o intercambio de experiencias e a interacción entre os diversos actores sociais para a busca de solucións.

OBXECTIVOS

Obxectivos Pedagóxicos

  1. Informar e sensibilizar sobre o fenómeno do Cambio Climático
  2. Promover aptitudes e actitudes de aforro tras coñeceren e asumiren as consecuencias reais do seu consumo diario. Poremos en práctica o tan repetido principio de actuar individualmente para mellorar globalmente.
  3. Fomentar a capacidade de compromiso en cada participante nunha actividade conxunta na que a colaboración de todos será indispensabel e trasladar esa responsabilidade a outras actividades e esferas da vida.
  4. Impulsar o traballo en equipo e máis o sentimento de cooperación internacional cara un obxectivo común a toda Europa.

Obxectivos de Repercusión Social

  1. Fomentar o asociacionismo como medio para a construcción duna nova sociedade, onde a cooperación sexa un recurso para o progreso.
  2. Obter unha importante incidencia nos medios de comunicación e unha participación que axuden a divulgar a problemática do cambio climático a nivel local.

Obxectivos Ambientais

  1. Conseguir uns efectos directos e medíbeis no medio ambiente co desenvolvemento de accións por parte dos participantes. Concretamente, trátase de reducir nunha porcentaxe consensuada as emisións de CO2.

DESTINATARIOS

Unidades de Convivencia Doméstica

O cambio climático é unha realidade evidente na nosa propia contorna. Está demostrado que a súa principal causa é o uso desmedido e irresponsable do petróleo, do carbón e do gas natural que utilizamos para producir, movernos, quentarnos e xerar electricidade.

Ao realizar xestos tan cotiáns como acender a luz, usar o frigorífico, cociñar ou graduar a calefacción, consumimos enerxía. O consumo doméstico supón o 17% do total de enerxía consumida en España. No estado español cada familia emite unha media de 1,3 Tn de CO21 no seu fogar e unhas 3 Tn2 no coche.

Consumir menos non significa vivir peor. Podemos seguir mantendo os mesmos niveis de benestar sen consumir tanto. Participando no programa conseguiremos un uso máis sostible e solidario dos recursos colectivos e un descenso na factura enerxética.

Centros Educativos

O proxecto de A Aposta baséase na aprendizaxe de conceptos e actitudes onde se analiza a realidade, búscanse respostas e propóñense solucións ao problema do Cambio Climático.

Sendo conscientes do poder dos nenos, a campaña intenta implicar aos diferentes axentes (directiva, responsables de limpeza e cociña, profesores, alumnado, conserxería…) que participan no centro na súa posta en marcha e na búsqueda de solucións para acadar o obxectivo de reducción das emisións.

A Aposta por frear o Cambio Climático motiva aos participantes premiando as actitudes positivas cara o medio ambiente e aqueles apostantes que non cumpran co seu compromiso de reducción terán que asumir algunha actividade compensatoria.