O Canón do Sil é unha paraxe que no ano 2001 entrou a formar parte da Rede Natura 2000 como proposta de Lugar de Importancia Comunitaria. A Rede está en via de ampliación por mandato imperativo do estado español que, obrigado por Europa, debe ampliar os espazos naturais a protexer.

Galicia, pola súa parte, pretende ampliar esa zona protexida dun 12% (índice de protección insignificante e so superado polo territorio das cidades autónomas de Ceuta e Melilla)  propondo un 18%, segundo os datos do Plan Director da Rede Natura creado no presente ano, é dicir, con propósitos recentes.

A realidade, pola contra, é ben diferente. Recentemente comezou a executarse a obra de ampliación da central Santo Estevo I, no concello de Nogueira de Ramuín, denominada Santo Estevo II. As obras que segundo as administracións, non supoñen a construción dunha nova presa senon da presunta ampliación da capacidade productiva da central existente para aproveitar todo o potencial do río (repotenciamento), estanse levando a cabo, independentemente da denominación que se lle outorgue, nun Lugar de Importancia Comunitaria e, polo tanto, un espazo natural protexido non so pola Directiva Hábitats, que establece a necesidade e obriga de preservar estes lugares senon tamén, pola Directiva Marco da Auga que establece no artigo 4 os obxectivos medioambientais dos plans hidrolóxicos dos Estados membros.

Central Santo Estevo I. Impacto paisaxístico…non?

Ante esta situación normativa, as propostas presuntamente sustentables do Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Marino e, á par, a inactividade da Xunta de Galicia que parece non poder facerlle fronte ao órgano do goberno central, son un atentado ecolóxico de primeira orde.

Houbo quen falou das “consecuencias negativas dun fundamentalismo ecolóxico escasamente cimentado no rigor científico”, o certo é que na actualidade ao desafortunado comentario habería que darlle unha volta e falar das “consecuencias negativas dun fundamentalismo científico (téñase por técnicos da administración e mandatarios da mesma) escasamente cimentado no rigor ecolóxico”. E é que, con independencia da protección subxectiva do entorno natural, medio ambiental e paisaxístico, Amigos da Terra solicita e esixe o cumprimento da normativa que España, e con ela o goberno galego, adoptou de Europa.

Mentres, as empresas eléctricas continúan promovendo ameazas sustentadas no aumento da tarifa eléctrica dos consumidores e o cobro mensual da mesma, substituíndo ao actual bimensual.

Ante esta situación cabe plantexarse se o recibo eléctrico non é o reflexo do custo medioambiental de someter o entorno ecolóxico a un sistema de sobreexplotación dos recursos, idea potencialmente prohibida e desestimada pola Directiva Marco da Auga.