Tendo en consideración que está en trámite de información pública o anuncio da solicitude de ampliación da explotación cinexética comercial (ECC) Serra de San Mamede, Amigos da Terra presentou alegacións contra a devandita ampliación e así mesmo, pide que se levante o valado tal e como decidiu a Dirección Xeral de Conservación da Natureza en 2007.


A propia Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible na súa páxina web ofrece unha descrición do Bidueiral de Montederramo, na que o considera como un dos bosques mellor conservado de Galicia. Polo tanto, non parece moi congruente que se autorice a ampliación da explotación cinexética dunha empresa que persegue intereses privados e que acota o disfruta dunha serra protexida cunha figura europea e así mesmo, que se empraza no Macizo Central proposto como Parque Natural pola Consellería mencionada.

A desautorización articúlase sobre a obriga legal de preservar unha zona LIC (Lugar de Importancia Comunitaria) que non necesita dunha explotación cinexética nin dende un punto de vista, obviamente, ambiental, nin social ou económico. Segundo o devir dos acontecementos administrativos acaecidos sobre os orixes de dita explotación, de feito, debera retirarse definitivamente o valado, tal e como se acordou pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza no seu día, e ademais, debera suspenderse o exercicio da actividade de caza na zona acotada e arredores.

“Rematando a lexislatura, o executivo galego debera ofrecer un maior grado de confianza á cidadanía e de respecto ao compromiso adquirido como mostra de sensibilización ambiental. As tomas de decisión á lixeira pola administración carrexan consecuencias ambientais, na súa maioría irreversibles. Ademais, se esta reiterada actitude é aproveitada pola empresa privada para executar aberta e imprudentemente os seus proxectos, de que sirve a proliferación de normas que as consellerías galegas foron publicando ao longo destes últimos anos?”