Amigos da Terra, xunto con outros colectivos ecoloxistas, mostra a súa total oposición á validación, por parte do executivo galego, dos próximos campionatos de raposo nos montes galegos que carrexan cada ano, centos de mortes desta especie baixo a denominación de “deporte” e amparado por subvencións públicas outorgadas polas administracións.


Un ano máis, o campionato galego e estatal de caza de raposo terá a súa cita nos montes galegos. O vindeiro 18 de xaneiro en terras de Baralla, Lugo, celebrarase o campionato galego executándose o estatal días máis tarde nunha localidade aínda por publicitar. A unha total falta de transparencia de información por parte da Federación Galega de Caza, súmase a cobertura legal que lle outorga a administración a través das subvencións que valida a Consellería de Cultura e Deporte e a través das autorizacións que facilita a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

Durante os campionatos de raposo, danse cita centos de cazadores que dan morte a un ser vivo baixo o concepto de “ocio”. Co outorgamento da legalidade dunha actividade que supón a violación dos dereitos dos animais, incórrese nunha violación completa do texto da Declaración Universal dos Dereitos dos Animais proclamada en 1978 e aprobada pola UNESCO.

Debe atenderse de forma moi rigurosa ao concepto baixo o cal se ampara esta práctica cinexética autorizada fora do periodo hábil de caza que rematou o 6 de xaneiro. O presunto control poboacional das especies a través da “caza deportiva”, é unha vanal desculpa que vense consagrando máis coma unha ameaza ecolóxica para centos de especies autóctonas, que coma un oportuno control da biodiversidade. A caza, de ser xustificada como medio de control sustentable, queda desvirtuada por sí mesma.

Existe, ademais, un factor coaccionante no exercicio da caza para todos aqueles cidadáns que queren disfrutar dunha xornada no monte os días autorizados para a actividade cinexética xa que, durante a mesma, estará limitado o disfrute de aquel ás denominadas “zonas de seguridade” que, en moitos casos, tampouco son unha total garantía de salvagarda como nas últimas datas se ven informando en medios audiovisuais galegos que recollen testemuños de graves accidentes provocados polos escopeteiros.

Finalmente, Amigos da Terra levará a cabo as correspondes e lícitas accións co obxectivo de pedir información aos organismos competentes en materia de caza solicitando, asemade, o posicionamento claro da Consellería de Medio Ambiente e do seu Director Xeral de Conservación da Natureza, e o compromiso da administración fronte a aquela cidadanía que non se congratula con este tipo de espectáculos herdados e prohibidos en todo o territorio español.

* Últimas novas: o Campionato estatal celebrarase o día 24 de xaneiro en Rodeiro (Lalín).

Manifestan a súa total oposición aos campionatos de raposo as seguintes asociacións:

Federación Ecoloxista Galega, ADEGA, Asturias Verde, ASCEL, Coto do Frade, Eucaliptos NON, Fundación Altarriba, GAS Vigo, LIBERA, Matar por matar NON, SOS Courel, Verdegaia, Sociedade Galega de Historia Natural e Amigos da Terra.