O Servizo de Protección da Natureza de O Carballiño interpuxo catro denuncias ao órgano administrativo de Ourense da Consellería de Medio Ambiente por detectar diversas irregularidades na canceira de O Carballiño.

O pasado 3 de marzo, membros dos grupos ecoloxistas de Amigos da Terra, Matar por matar, non! e Adega personáronse ante o cuartel da Garda Civil de O Carballiño para pór no seu coñecemento a existencia de diversas irregularidades ecolóxicas denunciando circunstancias alarmantes como o drástico descenso do número de animais nas gaiolas e a existencia dunha fosa cun gran número de cans mortos procedentes na propia canceira (70 segundo os informes do Seprona).

Dende o ano 2008 sucédense as denuncias interpostas polas diferentes asociacións galegas sobre a cuestionable xestión da canceira. A falta de subministro eléctrico, de auga potable, de coidados diarios aos animais, de condicións mínimas de habitabilidade, alimentación e salubridade, e denuncias pola falta dun servizo veterinario oficial, engándense desta volta, a dúbida sobre cal é a razón da morte dos cans compilados na fosa, a existencia dun rexistro dos cans e facultativo que certifique as causas da morte.

Coa investigación levada a cabo polo Seprona e, segundo se desprende do propio contido das denuncias  que a Garda Civil tramitou, verifícanse cada un dos puntos que Amigos da Terra, Matar por matar, non! e Adega, denunciaron. A alarma social que suscita este tema ven provocada polo rexeitamento masivo dos carballinenses a unha situación vergonzosa e inmoral.

Lonxe quedan as declaracións de membros do concello de O Carballiño cando trataban de acusar aos ecoloxistas dunha irrupción violenta na canceira que nunca se probou, e a presunta inexistencia de cada un dos puntos que se puxeron en coñecemento das autoridades competentes e os medios de comunicación. “Todos os intentos feitos por parte dos responsables do concello de deixar a estas asociacións como “mentireiras”, amósanse inútiles e queda probada a falta á verdade deles mesmos”, declaran os ecoloxistas.

Algúns dos puntos que recollen as denuncias do Seprona tras a súa inspección ocular e conseguinte investigación son:

  • Que o número de cans desaparecidos neste ano, son 76 dos 218 que custodiaba Outeiro
  • Que existe unha fosa na que se atopan almacenados cadáveres de cans, moitos en avanzado estado de descomposición mentres que outros non amosan sinais de putrefacción, polo que chegan á conclusión de que non levan moitos días depositados (achegan fotografías).
  • Que non existe un Libro rexistro no que consten os datos dos animais como o destino dos cadáveres coa correspondente aprobación dun veterinario competente
  • Que a canceira de A Medela non está dada de alta no Rexistro de Establecementos de Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade de Galicia
  • Que carece de servizos veterinarios axeitados e dunha sala de curas ou primeiros auxilios para atender aos animais feridos