Amigos da Terra organiza o I Encontro de ex-voluntarios europeos, que celebrarase do 3 ao 9 de maio, no Centro de Educación Ambiental de As Corcerizas.

O encontro, englobado dentro do contexto do programa Xuventude en Acción da Unión Europea, é apoiado pola Axencia Nacional – INJUVE e a antiga Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta de Galicia.

Un total de 20 ex-voluntarios, españois e chegados de diferentes países ( Francia, Lituania, Alemania, Grecia, Hungría, Inglaterra, Finlandia, Bélxica, Austria e Nicaragua), daranse cita en As Corcerizas co obxectivo de reflexionar sobre a  adaptación do modo de vida sostible no día a día.

Dentro das moitas actividades que ten previstas para estes seis días, podemos destacar as charlas sobre “ética e política ecolóxica” e “publicidade e medio ambiente”, obradoiros de consumo alternativo, un taller obradoiro de teatro, unha ruta pola serra e as actividades de intercambio cultural.

Así mesmo, nunha das xornadas, realizarán unha visita á vila e a aula da natureza de Allariz, un proxecto co que se pretende amosar que unha vida sostible dentro do rural galego é posible e por outra banda, o propio equipamento de As Corcerizas, serviralles de exemplo práctico sobre como plantexar un modelo de vida sostible en harmonía coa natureza.

Para dar un seguimento a este encontro, financiado polo programa Juventud en Acción da Comisión Europea, darase unha charla o venres 8, ás 18.30, no Edificio de Ferro, aula 2, da Universidade de Ourense para así fomentar o Servizo de Voluntariado Europeo (SVE).

Asemade, e co obxectivo de que o encontro non se quede só en verbas, os participantes pretenden crear un grupo de traballo para poder realizar nun futuro  proxectos xuntos sobre vida sostible.