fcecebre_portada

O informe elaborado por Amigos da Terra recolle datos faunísticos, da vexetación, paisaxísticos e educativos resaltando o valor xeral que posúe a zona do encoro de Abegondo-Cecebre no concello de Cambre, zona na que o Ministerio de Fomento proxecta o tramo A Coruña – Betanzos para o tren de Alta Velocidade.

Amigos da Terra considerou necesaria unha catalogación da zona cualificada ambientalmente como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC). A elaboración deste informe responde á necesidade de lembrar ás autoridades que existen alternativas ao paso do tren de Alta Velocidade por Cecebre, como son o reaproveitamento, adaptación e actualización das infraestruturas que xa existen, cun impacto medioambiental e social moito menor, para unir A Coruña con Betanzos.

O documento recolle entre as cualidades excepcionais de Cecebre, a extraordinaria tipoloxía do encoro, cercana a unha masa de auga continental natural de tipo lacustre, sendo o único destas características na provincia. A colonización vexetal das beiras, a presenza de illotes no medio do encoro ou os pastos, os labradíos e os cultivos extensivos e de horta con amplos terreos repoboados de piñeiros, frutais e arboledo con pequenas masas residuais de caducifolio, son algúns dos valores ambientais da zona. Así mesmo, en 1987 foi declarado Refuxio de Caza, o cal conlevou a unha mellora da recuperación de aves acuáticas.

Fraga de Cecebre

fraga

O espazo natural de Cecebre abrangue o río Mero e o río Barcés xunto o encoro de Cecebre. As peculiaridades vexetais baséanse en plantas acuáticas, plantas de ribeira, céspedes extensos e outras moitas especies de flora cunha importancia incuestionable para a pervivencia e cria das aves. O grupo de maior importancia faunística o constitúen os anfibios, os reptís e as aves, tanto acúaticas como terrestres. Pola súa parte, os mamíferos os constitúen un total de 35 especies, 3 delas endemismos ibéricos e 8 incluídas tamén na Directiva europea Habitats. Igualmente están localizados algúns invertebrados protexidos pola citada Directiva incluíndo un endemismo protexido por esa mesma norma, a boga de río.

Por outra parte, Amigos da Terra solicitou o dereito a participar na elaboración do “Proyecto Eje Atlántico de Alta Velocidad. Tramo A Coruña-Betanzos (A Coruña)”, participación pública baseada na coñecida Lei Aarhus.

Amigos da Terra considera que a riqueza dunha zona como o espazo natural de Cecebre, debera ser obxecto de maior protección pola Administración. O desamparo de zonas ambientalmente ricas en Galicia, é a tónica xeral propulsada polas administracións, por iso só un 12% do territorio galego é Rede Natura fronte ao 30% do territorio catalán, por exemplo.