Jan_Vis_Kees_trees_650

A súa expansión a grande escala produce deforestación e abusos sobre os dereitos humanos en países como Indonesia, Malaisia ou Colombia.

Amigos da Terra celebra o anuncio da Corporación Financeira Internacional (IFC), a institución afiliada ao Grupo do Banco Mundial que se ocupa do sector privado, de deter todos os seus investimentos en aceite de palma. Durante os últimos anos, grupos de Amigos da Terra en todo o mundo denunciaron a destrución ambiental e os graves impactos sociais da extensión deste monocultivo en países do Sudeste Asiático e América Latina. Os principais destinos do aceite de palma son a industria cosmética, a alimentaria e, cada vez en maior medida, a produción de combustibles.

“Os investimentos a grande escala en plantacións de aceite de palma conducen á deforestación e á violación dos dereitos humanos” asegurou Torry Kuswardono de Amigos de la Tierra Indonesia/WALHI. “Por fin o Banco Mundial recoñece estes problemas, e esperamos que outras institucións sigan o mesmo camiño”.

A decisión do Banco Mundial foi desvelada a semana pasada nunha carta do seu presidente, Robert Zoellick, respondendo a un chamamento de organizacións sociais indonesas e internacionais. A carta anuncia a suspensión de todo o financiamento desta institución do Banco Mundial no aceite de palma ata ter unha estratexia revisada sobre o financiamento deste controvertido sector.

Esta decisión é resultado da presión de organizacións sociais fronte ao órgano de vixilancia do IFC sobre as actividades dunha das principais empresas de aceite de palma, Wilmar. O resultado da protesta foi un veredicto no que se conclúe que o Banco Mundial violara os seus propios procedementos e que priorizara os intereses comerciais fronte aos estándares ambientais e sociais do propio IFC.

Amigos da Terra denunciou repetidamente as prácticas das multinacionais do aceite de palma, como as tallas e queimas ilegais, o desprazamento de comunidades locais en Indonesia por parte do grupo Wilmar, o desastre do avance destes monocultivos en Malaisia ou a grave situación creada sobre os dereitos humanos.

081012_ourense_agrocombustibles_31

O aceite de palma é importante tanto para a industria alimentaria coma para a cosmética. Pero un dos grandes motores que xerou a súa expansión a grande escala é a demanda de combustibles de orixe vexetal (agrocombustibles ou biocombustibles) nos países do Norte. Os obxectivos obrigatorios de EUA e a UE para a introdución de agrocombustibles están detrás desta última expansión e da catástrofe ambiental e social que leva asociada.

“A demanda europea de materias primas como o aceite de palma para a produción de agrocombustibles é en gran parte responsable da situación no Sur. Aproveitando esta semana da mobilidade, debemos formularnos solucións reais aos impactos xerados polo noso sistema de transporte, que pasen por reducir o noso consumo de combustibles e non por ceder ante falsas solucións como os agrocombustibles” afirmou David Sánchez, de Amigos da Terra España.


Máis información