agricultura_611

A alimentación nos comedores escolares tende cada vez máis cara a un modelo industrial, cunha maioritaria presenza de empresas de catering. A xestión da comida concéntrase e prepárase de forma masiva en cociñas centrais, baixo criterios económicos máis que dietéticos ou de saúde, cun grande impacto sobre a agricultura, o desenvolvemento rural e o medio.

Fronte a este modelo, e nunha aposta por un mundo rural vivo baseado nunha agricultura sostible e unha alimentación sa, Amigos de la Tierra promove xunto a agricultores e agriculturas a introdución de alimentos locais e ecolóxicos en colexios de Huelva, Sevilla, Pontevedra, Madrid, Eivissa e Mallorca.

As comidas que realizamos fóra de casa multiplícanse, e os comedores colectivos teñen un papel cada vez máis importante na nosa dieta e a nosa saúde, ademais de maior influencia sobre o medio e o modelo de agricultura e desenvolvemento rural que se promove dende os comedores. Este dato é especialmente relevante no caso dos comedores escolares, unha idade na que alimentación é fundamental. Na actualidade a xestión destes comedores por parte de caterings e empresas de servizo externo vai en aumento, dentro dun modelo onde priman os criterios económicos e, polo tanto, a redución de custos, por enriba de criterios ambientais, sociais ou de saúde.

Branca G. Ruibal, da área de Agricultura e Alimentación de Amigos de la Tierra, afirmou: “Resulta moi preocupante que a xestión dos comedores escolares reproduza os principais problemas do modelo agrario industrial, con cada vez maior distancia entre o produtor de alimentos e o consumidor final. As consideracións ambientais, a saúde e os campesiños e campesiñas quedan fóra deste modelo”.

A situación da agricultura e o medio rural no Estado Español é dramática, malia que supón o 90% do territorio e o 25% da poboación. O poder da gran distribución é un dos factores clave que está a conducir á desaparición de pequenas explotacións agrarias. Tan só entre 2003 e 2008 perdéronse 124.000 empregos no campo.

Co obxectivo de transformar esta realidade, apostar por un mundo rural vivo no marco dunha agricultura sostible e promover unha alimentación ecolóxica e local para a infancia, dende os grupos locais de Amigos da Terra estase a traballar para introducir esta alimentación nos comedores de colexios de Sevilla, Huelva, Mallorca, Eivissa, Pontevedra e Madrid.

“Se os comedores escolares adquiren os produtos aos campesiños e campesiñas próximas, estamos a conseguir alimentos máis saudables e dun menor impacto ambiental, ao tempo que os agricultores da zona teñen novas oportunidades para comercializar os seus produtos. Traballamos tamén xunto aos produtores, pais, nais, alumnado, persoal de cociña e profesorado para sensibilizar sobre a relación entre alimentación e medio, e a importancia de fomentar a agricultura local. A comunidade escolar é un bo exemplo de como se pode construír soberanía alimentaria a nivel local, promovendo o emprego e a agricultura sostible no medio rural” engadiu Blanca G. Ruibal.