dia_da_arbore_corcerizas

Coa finalidade de conmemorar o Día Forestal Mundial, Amigos da Terra realizará hoxe unha plantación de árbores autóctonas correspondentes á segunda fase da campaña Axuda a vivir: doa sangue e planta unha árbore levada a cabo en Ourense durante o mes de xullo.

Nunha primeira fase da campaña, e en colaboración co Centro de Transfusión de Sangue de Galicia, persoas voluntarias de Amigos da Terra estiveron en diferentes puntos da cidade informando os e as cidadás da necesidade das doazóns de sangue, ao mesmo tempo que se sensibilizaba coa necesidade de repoboación dos nosos bosques. Nesta segunda fase, e coa colaboración de Voz Natura, levaremos a cabo unha plantación na Serra de San Mamede, que por desgraza tamén padeceu a vaga de lumes do pasado outubro.

Hoxe, a partir das 11:00 da mañá no entorno de As Corcerizas, voluntariado de Amigos da Terra, en colaboración co alumnado do CEIP do concello de Vilar de Barrio, realizarán a plantación de árbores autóctonas correspondente á campaña do pasado verán, na que se acadaron 216 doazóns de sangue e, por conseguinte, 216 árbores autóctonas doadas. Así mesmo, no local que a asociación ten en Ourense, entregaranse exemplares a todas as persoas que participaron na campaña e que queiran recoller e plantar algunha das árbores.

O resto de árbores que non sexan reclamadas, plantaranse en outras zonas afectadas polos incendios forestais, coa axuda dun axente forestal e das brigadas forestais.

Con esta iniciativa queremos incidir, unha vez máis, na importancia de colaborar na protección e recuperación dos nosos ecosistemas forestais. Cada vez que un dos nosos montes arde, a perda de biodiversidade, de biotopos, de solos, de capacidade de retención de auga, de recursos humanos, económicos, turísticos, paisaxísticos, culturais, …é incalculable. Contribuír á rexeneración de estes espazos e unha labor de todas e todos e, por suposto, unha obriga da administración que non esquezemos reiterarlle.