arton22730-28d06

O movemento ecoloxista e xa numerosas persoas a título individual, xuntaron as súas sinaturas nun manifesto que convoca, dende unha perspectiva ecoloxista, á vindeira folga xeral do 29 de marzo.

O movemento ecoloxista manifesta que entre as moitas razóns para ir á folga o 29M destaca de forma moi especial a crise ambiental, que resulta ser moito máis grave que a económica e financeira.

Estamos superando os límites do planeta no que vivimos, saturando aire, auga e solo de contaminantes, e malgastando os recursos básicos enerxéticos e materiais. O cambio climático e a perda acelerada de biodiversidade son signos evidentes do esgotamento da Terra.

O manifesto “que xa asinaron máis de 1.000 persoas vinculadas ao movemento ecoloxista” comeza repartindo responsabilidades dos “brutais” recortes ambientais e sociais. Así apunta á Unión Europea, o Fondo Monetario Internacional, Alemaña, Francia, os principais fondos de investimento e as axencias de cualificación, coa complicidade e a aquiescencia dos distintos Gobernos estatais.

A esta crise ambiental sen precedentes levounos ó sistema económico vixente. Este sistema, que cada vez esixe unha maior liberalización dos mercados e novos recortes sociais, está tendo consecuencias nefastas para a nosa contorna: o “tsunami” urbanizador, ser o territorio europeo con máis superficie de cultivos transxénicos e quilómetros de autovías, un parque automobilístico en expansión continua ou un consumo enerxético intensivo que só detén o seu crecemento en momentos de crise. Todo iso implica o incumprimento do Protocolo de Kioto, a deterioración irremisible de bens escasos, como o solo fértil, e problemas como que tres cuartas partes da poboación respire aire contaminado, a sobreexplotación de recursos hídricos, ou que a anchoa, o atún vermello, o urogallo ou o oso pardo estean en situación crítica.

Por iso, os asinantes do manifesto esixen “políticas cara á sustentabilidade, onde o ambiental e o social non estean supeditados fronte ao crecemento económico. Non nos bastan xa os discursos baleiros”.

Ademais apuntan a que tipo de políticas para saír da crise se refiren: “Necesitamos reducir o noso consumo de materia e enerxía para axustalos, con criterios de xustiza social, aos recursos existentes. Temos que avanzar rapidamente cara a un cambio do mix enerxético baseado en enerxías renovables. Fai falla fomentar un modelo agroalimentario centrado en circuítos curtos de distribución e cultivo ecolóxico. Tamén diminuír a mobilidade motorizada e o número de vehículos. E moitas outras medidas para satisfacer as nosas necesidades con baixas ou nulas emisións de carbono, sen pór en perigo ao resto de seres vivos cos que convivimos e que son básicos para a nosa subsistencia”.

Ademais, os que subscriben o texto enlazan os problemas sociais cos ambientais ao afirmar que “estes cambios han de facerse con políticas públicas que protexan aos traballadores e ás traballadoras dos sectores a reestruturar e que impulsen novos xacementos de emprego sostible”.

Para rematar, as persoas asinantes pechan o manifesto afirmando a súa convicción de que non vale calquera forma de saír da crise. Non valen políticas laborais que nos devolvan ao século XIX. Non valen políticas económicas que menosprecen a nosa crítica situación ambiental para dar prioridade a un modelo económico que atende aos intereses dunha minoría e aboca á Humanidade a un calexón sen saída ambiental.

Asina o manifesto ecoloxista en apoio á folga xeral