Moratoria de francia sobre a prohibicion do cultivo MON 810O millo transxénico MON810 non garante unha maior rendibilidade nin contribúe á seguridade alimentaria, en contra do que afirmou recentemente o ministro Arias Cañete.

Ante a proximidade do inicio da época de sementa de millo, Amigos da Terra, Confederación de Consumidores e Usuarios (CECU), Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG), Ecoloxistas en Acción, Greenpeace e Plataforma Rural, esixen que España apele ao principio de precaución seguindo os pasos doutros países como Francia e que prohiba o cultivo de millo transxénico MON810, ao amparo do articulo 34 do Regulamento 1829/2003 CE.

O Ministro de Agricultura francés, Bruno Lle Maire, acaba de establecer unha nova moratoria para a sementeira de millo transxénico MON810 como medida preventiva de protección á saúde e ao medio ambiente, á espera dunha resposta por parte da Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA, polas súas siglas en inglés) ante as evidencias científicas remitidas polo Goberno francés.

Na actual moratoria francesa esgrímense razóns de peso para prohibir o cultivo deste millo. Entre elas cabe destacar que o millo MON810 foi autorizado en 1998 baixo a Directiva 90/220 CE onde os requisitos para a avaliación de riscos eran moito menores que os establecidos pola Directiva 18/2001 CE, que a derrogou e substitiu, polo que a súa seguridade en todos os ámbitos está posta en cuestión.

Doutra banda, estudos recentes levados a cabo durante o últimos tres anos por organismos oficiais españois, demostran que o millo transxénico MON810 non é máis produtivo que as variedades equivalentes convencionais.

Debemos apostar decididamente por solucións respectuosas co medio ambiente e coa saúde pública, que non provoquen o rexeitamento da cidadanía nin dos mercados en xeral e que sexan un valor distintivo dos nosos produtos. España é a maior potencia da UE en materia de agricultura ecolóxica e o principal produtor e exportador de mel.

Por iso, a recente sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, que prohibe a presenza de pole proveniente de plantas transxénicas no mel e en complementos alimenticios, pon a España no punto de mira e xa está a provocar graves consecuencias para o sector apícola español, co rexeitamento dos principais países importadores da UE, como Francia e Alemaña.

A superficie de millo transxénico cultivado en España é suficiente para pór en xaque sectores fundamentais para o equilibrio dos ecosistemas, para a xeración de emprego verde e para a posta no mercado de produtos de calidade como son a agricultura ecolóxica e a apicultura. Para Greenpeace e Plataforma Rural prohibir os cultivos transxénicos é a única e definitiva solución a estes problemas.

Con Francia son xa sete os países europeos que prohibiron o cultivo do millo transxénico MON810. Os outros países son: Alemaña, Austria, Hungria, Grecia, Luxemburgo e Bulgaria.