lume_forestal

Horarios das concentracións cidadáns que se están a convocar para hoxe, luns 2 de Abril, ás 20:30:

A Coruña: nos Cantóns; Vigo: no Sereo; Compostela: no Obradoiro; Pontevedra: na Ferrería; Lugo: diante do Concello; Ourense: diante do Concello. Pontedeume ás 20:00 diante do Concello.

Fai un mes Amigos da Terra pedía á Consellería de Medio Rural o cese das queimas controladas, fai dúas semanas pedíamos a reunión urxente do Consello Forestal de Galicia.

O incremento dos incendios forestais, que nesta primaveira xa teñen coste en vidas humanas e nos espazos naturais emblemáticos, como Fragas do Eume e Serra do Xurés,  reflexa que a lentitude na toma de decisións por parte da administración contrasta coa celeridade do avance dos lumes.

Amigos da Terra pregunta á Xunta de Galicia cantas vidas, cantos parques naturais e cantas hectáreas máis deben arder ata que asuman que estamos ante unha situación de emerxencia.


Tendo en consideración a situación meteorolóxica dos últimos meses, o incremento do número de incendios forestais, a situación pola que están a pasar os nosos ecosistemas forestais. Situacións que tendo en conta a experiencia acumulada ao longo dos últimos anos non deixa de ser unha crónica anunciada.

Dada a situación producida, inconcibiblemente nin sequera se ten completo o operativo mínimo que habitualmente hai na chamada “precampaña” así nas últimas semanas con altas temperaturas, fortes ventos e actividade incendiaria alta: realizáronse queimas oficiais en zonas protexidas (zonas ZEPA, LICs, espazos naturais), autorizáronse queimas en días de risco de incendio alto e incluso extremo.

Falla de vixilancia as 24 horas do día (os incendios son comunicados polos cidadáns ou os medios dos servizos forestais nos seus desprazamentos cotiás…) hai incendios que cando se sabe deles xa teñen unhas dimensións considerables cun maior risco de propagación, maior risco para as persoas e os bens, incremento dos custes de extinción…

Non se están cubrindo as baixas do persoal de prevención e extinción: brigadas que día tras día só entran con dous ou tres compoñentes, a media debe de ser de cinco brigadistas como mínimo para garantir a operatividade e a protección tanto dos compoñentes da brigada de extinción como da colectividade.

Vehículos autobombas, imprescindibles para a extinción de incendios, sen cubrir as 24 horas do día con baixas ou xubilacións sen cubrir. Distritos onde só están operativos 2-3 autobombas cando contan con 8 vehículos de extinción (5 autobombas inoperativos).

Uso de medios aéreos (helicópteros) sen as súas correspondentes brigadas helitransportadas co cal a súa eficacia e operatividade merma exponencialmente. Até fai unha semana a BRIIF de Laza tiña os seus 48 compoñentes mais non contaba con helicóptero, mentres a base de Toén ten helicóptero todo o ano mais non conta con brigada. Baixas de axentes forestais sen cubrir (Distritos Forestais onde tiña que haber 20 axentes forestais só están operativos para traballos de extinción de incendios 14-15 axentes).

Desmantelamento das brigadas de investigación de incendios forestais BIIF creadas no seu dia e compostas por un mínimo de dous axentes forestais por cada un dos Distritos Forestais. A investigación é un puntal básico se queremos reducir a intencionalidade que produce a maioría dos lumes forestais nos nosos ecosistemas naturais.

Hai Distritos Forestais onde as baixas e xubilacións fan que aproximadamente falte un 25-30% do persoal que hai en “Tempada de Baixo Risco” ou de “precampaña”, polo que consideramos urxente a cobertura destas vacantes.

A todo o anterior hai que engadir a infrautilización de medios con que conta a comunidade autónoma (medios de concellos, mancomunidades, deputacións, consellerías…), medios gardados nos garaxes ao non estar integrados no operativo de prevención e extinción de incendios forestais.

Elo demostra, unha vez mais, a falla dun “Plano de Emerxencias axeitado” plano que debe contar cun “mapa de Medios e Recursos” dispoñibles para axudar na loita contra os incendios forestais cando se precisa e cando se producen, a falla deste mapa de medios fai que se produzan desprazamentos de medios dos Servizos Forestais a máis de 200-250 quilómetros mentres a carón de onde se produce o incendio forestal hai autobombas ou maquinaria parada e sen utilizar. É preciso optimizar os medios e recursos públicos dispoñibles con elo melloraremos a operatividade, melloraremos no tempo de reacción, na extinción dos incendios e minimizaremos os efectos dos mesmos cando se produzan.

Para máis abundancia a dia de hoxe nos Distritos Forestais non houbo, nen hai reunións para alomenos reflexionar sobre os erros que se producen, buscar a forma de mellorar a operatividade e funcionamento do Distrito, coordinar os propios medios con que conta a Consellería…

O PLADIGA, presentados tódolos anos no Consello Forestal de Galicia, presentado aos medios de comunicación, non deixa de ser un plano mediático posto que unha boa parte do operativo de prevención e extinción de incendios forestais non o coñece nin ninguén lle falou del.

É preciso crear dentro do Consello Forestal unha “Mesa de Traballo sobre Incendios Forestais” para mellorar no posible un Plano de Loita Contra Incendios que, por desgraza para o noso país, ten sido un fracaso, fracaso dos distintos gobernos da Xunta de Galicia, fracaso do conxunto da sociedade.

No ano pasado 2011 Galicia, e especialmente a provincia de Ourense, foi o territorio do Estado español mais afectado polos incendios forestais con perdas de centos de millos de euros polos efectos dos lumes, zonas de alto valor medio ambiental foron calcinadas en centos de incendios. Inconcibiblemente a Consellería do Medio Rural e do Mar, non puxo en marcha un só programa de “recuperación-restauración” das zonas afectadas.

Este ano 2012 hai unha redución importante dos orzamentos públicos adicados a prevención, a loita contra os incendios forestais, ao investimento de diñeiro para o coidado dos ecosistemas forestais, consideramos que o Consello Forestal é un órgano que debe ser informado e ao mesmo tempo pode atopar solucións que minimicen a repercusión desta redución nos ecosistema forestais.

Por último, dende Amigos da Terra queremos facer unha reflexión por todos coñecida e de sentido común, mais moi pouco posta en práctica – É posible solucionar os erros do pasado mediante o diálogo e a participación do conxunto da sociedade – Máis de 40 anos de fracasos na loita contra os lumes forestais en Galicia deben de ser mais que suficientes para atopar solucións ao mais grave problema medio ambiental que ten o noso país.