millo_oxm_galicia_copy_copyAmigos da Terra esixe a prohibición do cultivo de millo transxénico en España e lembra a petición feita ao Goberno galego de declarar Galicia coma Zona Libre de Transxénicos.

Onte mesmo publicábase un novo estudo científico e independente que demostra os danos ocasionados polo millo transxénico NK603 na saúde das ratas analizadas.

A asociación considera que se está a experimentar coa saúde da cidadanía, polo que deberan revisarse as avaliacións de seguridade dos millos transxénicos aprobados para consumo humano e animal na UE

 Xa existían dúbidas sobre a inocuidade dos transxénicos para a saúde, unha das razóns polas cales outros países europeos prohibiron o seu cultivo nos seus territorios. Con estes novos datos as autoridades españolas e europeas deberán suspender todas as autorizacións de cultivo e importación de transxénicos. En particular en España, deben desaparecer o cultivo comercial do millo MON810 así como os cultivos experimentais con transxénicos, entre os que se encontra o millo NK603 [1].

Este novo estudo independente, realizado por investigadores franceses, dá a coñecer os efectos provocados polo millo transxénico de Monsanto NK603 sobre varios grupos de ratas alimentadas durante dous anos co millo modificado xeneticamente e/ou o herbicida asociado Roundup. Trátase do primeiro estudo a longo prazo que avalía os posibles danos sobre a saúde do consumo de transxénicos. Os investigadores encontraron unha maior incidencia de tumores mamarios e problemas hepáticos e do ril, ademais de comprobar unha esperanza de vida menor nos animais [2]. Este mesmo millo impórtase en España para consumo humano e animal, e cultívase en campos experimentais coa posibilidade de que contamine a campos lindantes de millo.

Unha das primicias da investigación é que se analizou a exposición durante dous anos aos alimentos transxénicos. Ata a data, a maior parte dos estudos foron realizados pola propia industria biotecnolóxica para conseguir a autorización europea, con test de 90 días, o que facía imposible coñecer os efectos a longo prazo. O estudo, nun período de dous anos, precisamente revela que nos primeiros meses non se detectan anomalías. Isto implica que, como mínimo, se deberían revisar todas as avaliacións de seguridade de todos os millos transxénicos aprobados para consumo humano e animal na UE, esixindo estudos toxicolóxicos a longo prazo.

A sociedade española leva máis de 15 anos exposta aos transxénicos, só en 2011 cultiváronse preto de 100.000 hectáreas con OMG, contaminando ao resto de cultivos, e sen coñecer o alcance destes. Pero ademais, o 15% dos produtos que conteñen soia e millo están contaminados por organismos modificados xeneticamente segundo a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) [3]. Ante estes datos, é evidente que o Goberno Central non pode garantir a seguridade na saúde da cidadanía se se segue cultivando e importando millo e soia transxénicos.

 Notas:

 [1] Campos experimentaisen España 2011

http://www.tierra.org/spip/IMG/pdf/Campos_Experimentales_2011.pdf

[2] O Estudio: http://research.sustainablefoodtrust.org/wp-content/uploads/2012/09/Final-Paper.pdf

[3] Datos da AESAN: http://www.tierra.org/spip/spip.php?article1001&var_recherche=15%25%20productos%20contaminados