vert200 A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil ven de remitir a Amigos da Terra a resolución do expediente sancionador contra o Concello de San Cibrao das Viñas polos vertidos non autorizados realizados no mes de xaneiro do ano pasado.

A comunicación que o Organismo fai á entidade ecoloxista versa sobre o expediente sancionador contra o Concello de San Cibrao das Viñas polos “vertidos realizados durante os períodos do 17/01/2012 ao 19/01/2012 e do 26/01/2012 ao 27/01/2012 incumprindo as condicións establecidas na autorización de vertido outorgada pola antiga Confederación Hidrográfica do Norte ao concello de San Cibrao, no ano 2004”. Para Amigos da Terra resulta salientable que estes vertidos, producidos o ano pasado, ocasionaron “danos valorados en 6.240,40 euros” como consecuencia dos danos producidos ao dominio público hidráulico, e unha indemnización en concepto de multa por importe de 12,501,85 €, tratándose ademais dunha autorización de vertido do ano 2004, xa transgredida polo concello de San Cibrao en múltiples ocasións.

Temos que sinalar que dende a Confederación Hidrográfica Miño-Sil xa manifestou anteriormente a “reiteración da conduta antixurídica pola entidade local do Concello de San Cibrao”, sendo este sancionado en múltiples ocasións dende os anos 2006 á actualidade polo incumprimento das autorizacións de verquidos.

Así, lembramos a ultima sanción imposta ao concello de San Cibrao das Viñas, con máis de 114.000 euros polos verquidos realizados ao rio Barbaña en marzo de 2010, e aínda queda pendente unha resolución sancionadora moito máis grave dos vertidos producidos en xuño de 2009 que causaron a morte piscícola de 17.000 especies e danos á flora de ribeira.

“A imposición deste tipo de sancións, constitúen unha parte da educación ambiental necesarias para previr actos contaminantes pero que serán del todo ineficaces senón se complementan coa concienciación e sensibilización algo que, ata o de agora, non mostran as administracións galegas respecto ao coidado do medio ambiente e ao cumprimento estrito das leis que o preservan”, expoñen dende Amigos da Terra.

Ademais Amigos da Terra esixe a recuperación ambiental do Barbaña e unha vez coñecida a autoría directa imputable aos causantes dos vertidos, debe establecerse a responsabilidade, non só económica dos feitos, senón a de restaurar o espazo ambiental afectado ou, no seu defecto, a devolución económica dos custos de dita reparación porque segundo a Lei de responsabilidade ambiental, en definitiva, o que pretende é que non sexan os cidadáns os que teñan que asumir os gastos.

Tamén demandamos a aplicación de outro tipo de sancións denominadas funcionais, como a revocación de autorizacións ou o peche de instalacións alén da publicación dos datos empresariais daquelas empresas que danan ao medio ambiente e poñen en serio perigo a saúde das persoas.