Incendio_Morrazo__4_copy

Amigos da Terra manifesta o seu pesar polo desmantelamento dos Servizos Forestais Públicos que leva consigo unha maior desprotección e un moito maior risco para os ecosistemas forestais de Galicia e para os propios traballadores e traballadoras forestais.

Os incendios forestais destes últimos días (Quiroga –Lugo-, Larouco –Ourense-), os incendios producidos por liñas eléctricas na Ribeira Sacra e os incendios que teñen afectado a ecosistemas forestais de Galicia demostran por enésima vez o fracaso da política forestal e de loita contra os incendios forestais do Goberno da Xunta de Galicia.

O acontecido nos montes non deixa de ser unha “crónica anunciada” que se produce tódolos veráns, crónica máis feble ou mais grave en función dos condicionantes que marca a meteoroloxía e a falla dunha verdadeira política de prevención de incendios.

Coma tódolos anos aos condicionantes climáticos e meteorolóxicos (nunca culpables do inicio dos incendios forestais), este ano hai que sumarlle as medidas tomadas dende o desleixo e a incompetencia dun Goberno cego, sen ideas, que marca o rumbo ao chou e se presta a desfeita interesada dos Servizos Públicos Forestais pondo en grave risco aos nosos montes e aos profesionais que se adican a protección dos mesmos.

Un enfoque dos planos antiincendios centrados na extinción e abandono total da imprescindible prevención “Evitar que o lume se produza para non ter que apagalo”.

Redución dos orzamentos públicos adicados a prevención e a loita contra os incendios forestais e sen realizar os traballos ao seu debido tempo. Na sesión do Consello Forestal de Galicia onde se presentaba o PLADIGA 2011 (30 de maio de 2011) o actual Secretario Xeral da Consellería do Medio Rural, Tomas Fernández-Couto Juanas facía a seguinte reflexión “…é necesaria a boa prevención en maio-xuño e ter as zonas rozadas en xuño-xullo, para o período de incendios forestais”, no ecuador da “tempada de máximo risco” no 2013 aínda non se investiu nin un só Euro no conxunto de Galicia (áreas cortalumes, devasas, faixas auxiliares de pistas e camiños…) están abandonadas e sen os traballos preventivos realizados. Unha das queixas dos medios de extinción e dos veciños nos incendios destes días é precisamente o total estado de abandono en que se atopan os montes e a dificultade da extinción polo abandono da chamada “infraestrutura de prevención”. Como se explica que tendo os orzamentos aprobados a día de hoxe non se fixera ningún traballo preventivo?

Un operativo de prevención-extinción baixo mínimos: Non se cobren as baixas do persoal de prevención e extinción: brigadas que día tras día só entran con dous ou tres compoñentes (incluso con un só brigadista), a media debe de ser de cinco brigadistas como mínimo para garantir a operatividade e a protección tanto dos compoñentes da brigada de extinción como dos montes e da cidadanía. As brigadas de reforzo de verán só contan con 4 brigadistas (lembrar que fai poucos anos as brigadas forestais eran de 9 compoñentes). Rosa Quintana, Conselleira do Medio Rural e do Mar do gran incendio forestal de Quiroga-Larouco dixo “A grande cantidade de medios de extinción que hai traballando…” contan número de brigadas e o que debían e dicir o número de brigadistas.

Falla de vixilancia as 24 horas do dia, en días de perigo alto ou extremo con moitas zonas de “sombra”, caso da Ribeira Sacra onde a única caseta de vixilancia leva pechada todo o ano. No ano 2013 hai Distritos Forestais nas que se pecharon máis da metade dos puntos de vixilancia fixa (de 5 puntos de vixilancia a só dous).

Vehículos autobombas, sen cubrir as 24 horas do día, redución de condutores autobombistas para reforzo de verán do 50% comparado co 2011 (Distritos Forestais onde se contrataban 24 condutores, no 2013 só se contrataron 12).

Distritos Forestais onde tiña que haber 20-22 axentes forestais/medioambientais só están operativos para traballos de extinción de incendios 14-15 axentes.

A transferencia dunha boa parte do operativo aos concellos e un xiro de 180 graos na política de extinción da Xunta de Galicia, e unha volta aos sistema INFOGA dos gobernos de Manuel Fraga Iribarne. Mais de 275 brigadas con arredor de 2000 traballadores e traballadoras sen os mais mínimos criterios de selección, sen formación axeitada, sen unificación en dotación de medios materiais e técnicos, sen as mesmas condicións económicas…este xiro supón diluír as responsabilidades da política forestal e da prevención de incendios que lle corresponde a Xunta de Galicia entre multitude de pequenos concellos, e voltar a por en marcha o texido político-caciquil no rural de Galicia desprofesionalizando ao conxunto do colectivo de traballadores e traballadoras forestais.

Engadir ao anterior a infrautilización de medios con que conta a comunidade autónoma (medios de concellos, mancomunidades, deputacións, consellerías…), medios que non se usan ao non estar integrados no operativo de prevención e extinción de incendios forestais, demostración da falla dun “Plano de Emerxencias axeitado” un plano que ten que contar cun “mapa de Medios e Recursos” dispoñibles para axudar na loita contra os incendios forestais cando se precisa e cando se producen, esta falla fai que se produzan desprazamentos de medios dos Servizos Forestais a máis de 200-250 quilómetros mentres a carón de onde se produce o incendio forestal hai autobombas ou maquinaria parada e sen utilizar…

Os incendios forestais da Ribeira Sacra (Pombar-Cortecadela e Santo Estevo de Ribas do Sil) producidos por liña eléctrica defectuosa e centro de transformación de enerxía, son demostración da falla de supervisión por parte da Xunta, falla de mantemento dunhas empresas eléctricas que asolagaron os nosos mellores vales e agora calcinan os montes, falla de prevención…Os danos medioambientais, paisaxísticos e económicos nunha das referencias do turismo de interior de Galicia son inxustificables e inconcibibles nos países da nosa contorna; incendios que demostran que non realizar a supervisión, investigación e control por parte dos Servizos Forestais da Xunta destas infraestruturas producen en Galicia “incendios estruturais” que supón a perda de centos de miles de euros.

Amigos da Terra segue insistindo que é preciso consensuar a política forestal e de loita contra os incendios forestais, máis de 40 anos de fracaso dos distintos gobernos e do conxunto da sociedade do país son máis que suficientes, a desfeita medioambiental, paisaxística e económica dun sector estratéxico non se pode perpetuar no tempo. Por enésima vez insistimos que se debe crear unha “Mesa de Traballo sobre Incendios Forestais” para atopar solucións ao mais grave problema medioambiental que ten o noso país.