libre-palestina259-2O Exército israelí intensificou os bombardeos contra a Franxa de Gaza, nos Territorios Palestinos Ocupados, provocando a morte de centos de civís palestinos, moitos deles nenos e nenas. Os movementos sociais, as organizacións pola xustiza climática, as organizacións de base, as ONG, os grupos xuvenís, mulleres e indíxenas que representan a millóns de cidadáns de todas as cores, credos, nacionalidades e relixións e os que non teñen relixión de América Latina, Asia, África, Europa, América do Norte e Oriente Medio reunidas en Venezuela para celebrar a PreCOP Social, condenamos estes ataques atroces contra nenos, nenas, mulleres e homes que están sitiados en Gaza.

Realizamos un chamamento á comunidade internacional para que exerza presión e poña fin a esta ola de violencia mortal e se levante de inmediato o bloqueo israelí da Franxa de Gaza. Chamamos á cidadanía e ás organizacións de base a que se sumen aos millóns de persoas que xa están protestando nas rúas das capitais do mundo para repudiar este ataque do Estado israelí.

Israel comezou unha invasión terrestre contra Gaza, que afecta á poboación local (sometida a un bloqueo ilegal e inhumano desde 2007) mediante novos bombardeos, crimes de guerra que non se aceptarían en ningún sitio, como o asasinato dun bebé de cinco meses en Rafah a poucas horas de comezada a invasión. Nestes 16 días xa son 700 persoas as que perderon a súa vida en Palestina.

Lamentamos e denunciamos todas as mortes civís, pero consideramos que, como forza de Ocupación, o Estado de Israel é responsable en virtude do dereito internacional.

Ninguén pode esquecer as masacres perpetradas polo Exército israelí durante a operación “Plomo Fundido” en 2008-2009, na que ao redor de 1.500 palestinos morreron. Naquel entón, o Goberno israelí puxo as mesmas escusas que agora para xustificar este ataque mortal.

O Goberno de Benjamin Netanyahu fixo todo o posible para destruír o anhelo lexítimo do pobo palestino por lograr un Estado independente e vivir en paz co final da ocupación israelí. Toda posibilidade de paz dependerá en gran medida de que a comunidade internacional acabe coa impunidade de Israel, dunha campaña mundial de boicot, desinversión e sancións ata que Israel respecte as resolucións correspondentes das Nacións Unidas.

Como afirmou o líder do movemento contra o apartheid, o Arzobispo Desmond Tutu: “En Sudáfrica non poderiamos obter a democracia sen a axuda da xente de todo o mundo quen, a través de medios non violentos como o boicot e a desinversión, alentaron aos seus gobernos e ás empresas a revertir décadas de apoio ao réxime do apartheid. Os mesmos problemas de desigualdade e inxustiza hoxe en día motivan o movemento a favor da desinversión que intenta poñer fin a décadas de ocupación israelí dos Territorios Palestinos e ao trato inxusto e perjudicial do pobo palestino por parte do Goberno israelí”.

Nesta reunión mundial da sociedade civil estamos traballando xuntos para deter a crise climática e creemos nun mundo xusto, equitativo e sustentable. Como parte desa crenza en ‘outro mundo posible’, somos conscientes de que non seremos libres ata que Palestina sexa libre.