140919 menhir as catrocruces01Amigos da Terra denuncia publicamente os danos producidos a “pedrafita” das Catro Cruces, menhir situado na Serra de Castro Leboreiro (preto de Outeiro de Augas) monumento megalítico que sinala os lindeiros das parroquias de Calvos e Corbelle (Concello de Bande) e as parroquias de Cexo e Bangueses (Concello deVerea). Os danos foron producidos por un buldozer contratado pola Consellería do Medio Rural e do Mar para a limpeza dunha devasa para a prevención de incendios forestais.

Activistas de Amigos da Terra Galicia visitaron na semana pasada a Serra de Castro Leboreiro e fixeron unha visita ao monumento megalítico das “Catro Cruces” para valorar os danos producidos a este elemento singular de alto valor etnográfico-cultural.

A pedrafita das Catro Cruces foi derrubada e hoxe está tapada pola vexetación e a terra removida por un buldozer de grandes dimensións no medio da devasa existente perto de Outeiro de Augas (Serra de Castro Leboreiro). Preguntado polo feito a veciños de Bangueses e Calvos (concellos de Verea e Bande) estes manifestaron aos membros de Amigos da Terra que: -O “Marco das Catro Cruces” foi derrubado por un buldozer que realizaba a limpeza da devasa para a prevención de incendios forestais e que as obras foron realizadas pola Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia, con sorna tamén manifestaron que -O “Marco das Catro Cruces leva alí toda a vida e eles non teñen ningún interese en ampliar as súas posesións ou en trocar os lindeiros das súas parroquias.

140919 menhir as catrocruces02

Para Amigos da Terra Galicia este feito non ten explicación, o Menhir das Catro Cruces” está catalogado, leva no mesmo sitio centos de anos, a ninguén se lle ocorreu derrubalo, modificar a súa situación, enterralo…unha vez máis é a administración pública (neste caso a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia) nunha demostración dunha total desleixo, incompetencia e desafecto co patrimonio histórico-arqueolóxico dana o patrimonio integrante dun ecosistema natural de Galicia.

Dende Amigos da Terra imos solicitar aos organismos públicos responsables (Consellería de Cultura Educación e Ordenación Universitaria, Consellería do Medio Rural e do Mar e aos Concellos de Bande e Verea) a inmediata reposición ao seu estado orixinal deste monumento megalítico, a súa axeitada protección e ao mesmo tempo que se poñan en marcha actuacións que eviten feitos como o acontecido co Menhir das Catro Cruces (formación das persoas que realizan labouras no medio natural en canto a protección do patrimonio e a obriga das distintas administración públicas de coordinación das súas actuacións para evitar estes feitos lamentables e inxustificados.