alto sanmamedeAmigos da Terra Galicia denuncia a construción de liñas eléctricas en zonas de alto valor medio ambiental incumprindo lexislación básica, con decisións da Xunta de Galicia, ao non someter a “avaliación ambiental” proxectos que afectan a espazos naturais, Fragas do Eume (Queixeiro-Monfero), Serra de San Mamede-(Macizo Central Ourensá), Fragas de Catasós (Lalín). O Goberno galego con estas medidas, ademais de desprotexer o patrimonio natural, convertese no maior destrutor da biodiversidade e dos ecosistemas de Galicia.

Fai so uns días que o Grupo de Reahabilitación de Fauna Autóctona (GREFA) denunciaba: “Águias electrocutadas no Macizo Central Ourensá” “…tivemos que retirar os cadáveres de Ana e de Loboreira mortos por electrocución que apareceron debaixo de dous apoios eléctricos. Dúas femias de aguia real criadas en catividade e liberadas en 2010 que se emparellaran en dous territorios contiguos…”

O preocupante é que o Goberno galego sen a máis mínima sensibilidade decidiu non someter a avaliación ambiental o “Plan sectorial de infraestruturas xestionadas pola empresa pública RETEGAL”. Recoñece o Secretario Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas, Justo Benito Basanta, que legalmente estes proxectos deben de ser obxecto de avaliación ambiental (Lei 9/2006 e Lei 6/2007), mais nunha decisión propia de gobernos autárquicos e de nepotismo decide “Non someter ao procedemento de avaliación ambiental o proxecto sectorial 01-14 de infraestruturas xestionadas por Retegal”. Esta decisión vai a incrementar os riscos para as especies protexidas en espazos de protección de avifauna, en espazos nos que hai especies recollidas no Catálogo galego de especies ameazadas.

aguia real San Mamede setembro de 2010 251
                                                                                                                  Foto: Alberto Rivero

Unha das liñas eléctricas descorre pola Serra de San Mamede-Macizo Central Ourensá, situando un dos reemisores no “Monte dos Gaviás” a máis de 1200 metros de altitude, liña que ademais vai afectar a unha fraga autóctona de alto valor medio ambiental, área de presenza de aguia real (Aquila chrysaetos), precisamente as aguias electrocutadas recentemente son desta especie, especie en perigo de extinción.

Tamén a liña eléctrica Monfero-Queixeiro, moi próxima ao Parque Natural-Lugar de Interese Comunitario da rede Natura 2000 (Fragas do Eume), e zona de protección da avifauna, liña que vai supor un forte impacto paisaxístico, efectos ambientais para avifauna e alteración dunha das zonas de maior valor natural de Galicia.

Dende Amigos da Terra consideramos que hai solucións para minimizar os efectos da construción destas liñas eléctricas. Primeiro sometendo os proxectos a correspondente e obrigatoria “Avaliación de Impacto Ambiental”. Segundo, tal e como se fai nos países da nosa contorna estas liñas ao estar en zonas de alto valor medio ambiental, coma no caso de Monfero-Queixeiro e San Mamede-Macizo Central, son soterradas para evitar tanto efectos paisaxísticos como a colisión da avifauna e de especies en perigo de extinción.

Amigos da Terra fará as xestións axeitadas para intentar frear estas novas ameazas para a biodiversidade e o patrimonio natural de Galicia.