2015010817172533694Nestes días saltou aos medios de comunicación a nova de que no ourensá Concello da Mezquita, dentro da programación da Festa dos Reis,  estaba a celebrarse un cruento espectáculo no que mozos da vila arrincaban coas súas propias mans as cabezas duns galos que penduraban colgados das patas dunha corda. Estes feitos xa foron denunciados ante a Garda Civil por varios veciños/as da mesma localidade.

Dende Amigos da Terra queremos manifestar a nosa máis contundente repulsa e condena deste feitos, que consideramos unha clara vulneración da Lei 1/1993 de protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade na que considera como infracción moi grave “O maltrato dos animais que lles cause a morte.” e a “A organización e celebración de espectáculos, pelexas ou outras actividades con animais que impliquen crueldade ou maltrato ou poidan ocasionarlles sufrimentos.“. O réxime sancionador impón multas de entre 5.001 e 30.000 euros para as persoas que a infrinxan esta Lei con tipoloxía moi grave, como é o caso. Polo tanto Amigos da Terra solicitará a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que é a AA.PP. que ten as competencias na materia, para que investigue a autoría destes feitos e impoña as sanción pertinente con toda a severidade que estas reprobables actuacións merecen.

Igualmente se porá en coñecemento da Fiscalía da Audiencia Provincial estes feitos que poderían corresponder co tipificado no Código Penal, no seu artigo 337, relativo a maltrato animal e que no que se especifica “El que por cualquier medio o procedimiento maltrate injustificadamente a un animal doméstico o amansado, causándole la muerte o lesiones que menoscaben gravemente su salud, será castigado con la pena de tres meses a un año de prisión e inhabilitación especial de uno a tres años para el ejercicio de profesión, oficio o comercio que tenga relación con los animales” e que investigue a súa autoría e en función dos resultados da mesma se inicien os procedementos xudiciais para a imposición do seu correspondente castigo.

Dende o noso colectivo queremos denunciar que non é posible ningún tipo de xustificación para o maltrato animal, máxime cando se converte nun bochornoso espectáculo público, e considera especialmente vergoñento parapetarse na escusa dunha tradición cultural. A tortura non é arte nin cultura. Queremos lembrar que ademais de ser un atentado á ética e moral máis elemental é unha severa vulneración da legalidade que pode, e debe, traer consecuencias para quen a promoven, amparan o executan. Amigos da Terra non escatimará os medios precisos para que os poderes públicos persigan estas prácticas coa debida contundencia e de acordo a legalidade vixente. Queremos tamén agradecer aos propios veciños e veciñas da localidade que denunciaron estes feitos e que demostran que non toda a veciñanza da localidade carece de sensibilidade e criterio fronte a estes actos de barbarie.