vert200A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil ven de remitir a Amigos da Terra a proposta de resolución do expediente sancionador contra o Concello de San Cibrao das Viñas polos vertidos realizados no pasado mes de agosto e que foran denunciados por Amigos da Terra e outros colectivos, ademais de varios particulares.

A comunicación que o Organismo fai á entidade ecoloxista está en relación ao expediente sancionador contra o Concello de San Cibrao das Viñas polo “incumprimento das condicións establecidas na autorización de vertido outorgada ao superar o caudal máximo autorizado e as normas de calidade para o parámetro do amonio”.

Temos que sinalar que dende a Confederación Hidrográfica Miño-Sil xa manifestou anteriormente a “reiteración da conduta antixurídica pola entidade local do Concello de San Cibrao”, sendo este sancionado en múltiples ocasións dende os anos 2006 ata a actualidade polo incumprimento das autorizacións de vertidos.

Esta teima, reiterada e pertinaz, de infrinxir a legalidade levou ao organismo de conca a impoñer a sanción máxima prevista na lei para este vertido, que nesta ocasión esta tipificado como leve. Pero esta nova multa é so a última dunha longa lista, de polo menos 10 expedientes condenatorios nos últimos 5 anos, na que destaca a sanción que se lle impuxo por un importe que superaba os 114.000 euros por uns vertidos realizados en marzo de 2010. E aínda queda pendente a resolución dun caso moito máis grave, que está en vía xudicial por delito ecolóxico, duns vertidos producidos en xuño de 2009 e que causaron a morte de 17.000 peixes e danos á flora de ribeira.

É particularmente vergoñento que unha administración pública, que debería ser exemplo de boa conducta fronte a cidadanía e as empresas, lidere a vulneración da legalidade ambiental e para máis bochorno o faga de xeito reiterado e sen emprender ningunha medida para corrixir o dano ambiental que causa nin por en marcha accións preventivas que eviten os danos ambientais e as sancións. Outras vítimas deste modelo de xestión municipal o son tamén as veciñas e veciños deste concello, que ademais de perder calidade ambiental no seu territorio, perden cuantioso diñeiro público, de todos e todas, que debe de ir destinado ao pago destas sancións, en vez de ser transformado en servizos públicos para a cidadanía do municipio.

Tamén demandamos a aplicación doutro tipo de sancións denominadas funcionais, como a revogación de autorizacións ou o peche de instalacións alén da publicación dos datos daquelas entidades que danan ao medio ambiente e poñen en perigo a saúde das persoas. Está claro que esta depuradora é inutil e debe de ser substituida por unha nova infraestrutura, adecuada as necesidades presentes e futuras, que garanta o adecuado tratamento das augas residuais antes do seu vertido ao rio Barbaña.