tala ribeira sacra IMG 3746Desfeita medio ambiental “corta a feito” da mellor colección de árbores existente en pleno corazón da Ribeira Sacra ourensá. Centos de árbores de distintas especies cun forte impacto paisaxístico, patrimonial, arbóreo…moi preto de Santo Estevo de Ribas de Sil e a carón do lugar de interese comunitario (LIC) “Canóns do Sil”.

Na semana pasada, conocida como semana forestal e na que se celebra o 21 de marzo como Día Forestal Mundial, detectamos a corta “a feito” de centos de árbores no lugar de A Rasa-Loureiro, concello de Nogueira de Ramuín (Ourense). As aldeas onde se produciu a desfeita están situadas en pleno corazón dos Canóns do Sil (Ribeira Sacra), na zona de influencia do Lugar de Interese Comunitario (LIC Canóns do Sil).

Cortáronse polo pé centos de árbores, moitas delas de gran valor medio ambiental e patrimonial, nunha superficie de máis de 80.000 metros cadrados, especies de moi diversas especies tanto autóctonas como alóctonas (carballos, castiñeiros, bidueiros, cerdeiras, choupos, olmos, abetos, cedros, thuias, chamacyparis, criptomerias, acacias, plátanos híbridos…) algún dos exemplares centenarios, e árbores de ate 150 centímetros de diámetro. Estragaron e destruíron a mellor colección de árbores existente en toda a Ribeira Sacra, un ataque máis ao patrimonio arbóreo de Galicia, sen xustificación e, presuntamente, sen ningún tipo de autorización.

tala ribeira sacra IMG 3884
A corta é visible en quilómetros a redonda, unha desfeita medio ambiental, paisaxística e patrimonial na parte máis alta dunha das ladeiras da Ribeira Sacra. Un atentado ao patrimonio natural onde as distintas administracións públicas teñen que actuar (concello de Nogueira de Ramuín, Consellería do Medio Rural e do Mar, Consellería de Medio Ambiente e Infraestruturas, Confederación Hidrográfica Miño-Sil…).

Unha boa parte das árbores taladas foron plantadas cando se realizou a construción do encoro de Santo Estevo de Ribas do Sil, tamén se cortaron polo pé centos de árbores do que se coñece como “repoboacións hidrolóxico-forestais”, repoboacións feitas para evitar a erosión, a perda de solo, escorrentías,… Evidentemente con esta actuación as funcións sinaladas xa non se cumpren.

tala ribeira sacra IMG 3751

Esta desfeita produciuse en propiedades privadas e en terreos propiedade da empresa hidroeléctrica “IBERDROLA”, no chamado “poboado de A Rasa” e na aldea de Loureiro (Nogueira de Ramuín). Lembrar que o atentado e desfeita medio ambiental é unha total contradición co intento de declarar a Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, unha demostración máis da incapacidade, incompetencia, desleixo e falla de medidas axeitadas dos responsables políticos da provincia de Ourense e da Xunta de Galicia á hora de protexer a biodiversidade e os recursos naturais.

Dende Amigos da Terra imos realizar as correspondentes denuncias diante dos organismos responsables, o que implica ao Concello de Nogueira de Ramuín, á Consellería do Medio Rural, á Consellería de Infraestruturas e Medio Ambiente e por suposto á Confederación Hidrográfica Miño-Sil.