160205 ou 536bA OU-536 é unha fermosa estrada do Concello de Esgos bordeada con árbores centenarias, que corren o risco de desaparecer cortadas polo pé.

Xestionada pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda da Xunta de Galicia,  comunica a capitalidade provincial coas Terras de Trives-Caldelas, e é unha das máis bonitas da provincia polo seu trazado e polas formacións arbóreas que se atopan no seu percorrido.

A altura de O Pinto no Concello de Esgos hai árbores centenarias de grandes dimensións (carballos, plátanos, freixos, nogueiras, choupos…) árbores que non supoñen ningún risco para a seguridade vial e que forma un harmonioso conxunto e de alto valor patrimonial, estético e paisaxístico (lembramos que estamos na estrada de entrada a Ribeira Sacra e ao Macizo Central Ourensá) polo que e preciso protexer o arborado existente tal e como se fai nos países do conxunto da Unión Europea.

Nestes días, avisados pola veciñanza e as persoas usuarias da OU-536 pódese observar que na zona de O Pinto (Esgos) a maioría das árbores foron sinaladas no seu tronco cunha EX de cor vermello polo que todo fai indicar que a Consellería responsable da estrada pretende cortalas polo pé ou facer podas pouco axeitadas para a protección deste conxunto arbóreo.

160205 ou 536b

Tendo en consideración o valor antes sinalado das árbores da estrada OU-536, e preciso a súa protección e coidado, é un dos poucos exemplos que nos quedan na provincia de Ourense de respecto ao patrimonio arbóreo que convive cunha infraestrutura viaria.

Dende Amigos da Terra solicitamos a protección do conxunto das árbores existentes ao longo da OU-536. Que no caso de ser preciso algunha poda das árbores se faga seguindo os criterios axeitados sinalados polas persoas especialistas en mantemento da arborado.

Consideramos que despois das desfeitas realizadas as árbores que tanto en Ourense como no resto de Galicia se teñen feito nos conxuntos arbóreos que ata fai ben pouco había na contorna das nosas estradas, estamos no intre de trocar de actitude e protexer os poucos exemplos que nos quedan. A OU-536 é un destes poucos exemplos que se deben conservar.

Deste xeito vimos de realizar as correspondentes denuncias diante dos organismos responsables, o que implica ao Concello de Esgos, á Consellería do Medio Rural e Consellería de Infraestructuras e dende Amigos da Terra demandamos que ás árbores desta estrada teñan que ser conservadas e protexidas, e debe ser unha prioridade tanto das Administracións públicas como da cidadanía.