20160331 intercambio experiencias horta salvadorNenos, nenas e mulleres con deficiencias nutricionais de 7 comunidades salvadoreñas participaron nos últimos meses en formacións para mellorar os seus hábitos de hixiene. 97 rapaces e 2 mulleres en lactancia reflexionaron e practicaron rutinas de limpeza como o lavado de mans, a hixiene bucal ou a depuración da auga para consumo, como medidas para prever e reducir o risco de padecer enfermidades parasitarias e diarreicas.

 

Estas formacións inclúense dentro da estratexia de recuperación nutricional e complementación alimentaria, que establece accións para mellorar a saúde das persoas que presentaron síntomas de desnutrición ou malnutrición no diagnóstico realizado a finais do pasado ano.

Ademais das formacións e a concienciación sobre a hixiene persoal e doméstica, entregáronse medicamentos contra os parásitos e complementos alimenticios como ferro, ácido fólico, zinc, vitamina B12 ou vitamina A, para combater casos de anemia e outras fallas.

O proxecto avanza tamén no eido da agricultura familiar e ecolóxica, que ten por obxectivo mellorar a dieta e a diversidade de alimentos das familias beneficiarias. Así pois, continúa o seguimento e apoio técnico aos 130 hortos familiares que están a poñerse en marcha, a través de xornadas de capacitación. As condicións meteorolóxicas como o vento e as altas temperaturas, así como a escaseza de auga, condicionan moito os cultivos, retardando o crecemento das plantas nalgunhas zonas. Con todo, en comunidades como El Caguano e La Fuerteza, estanse a obter moi bos resultados e mesmo algúns veciños e veciñas están a comercializar xa excedentes da súa propia colleita na comunidade. Ata o de agora calcúlase que 80 familias das 7 comunidades produciron pepino, tomate, chile verde e berenxena.

Ademais, co ánimo de promover que as hortas familiares poidan dar paso a pequenas iniciativas produtivas que xeneren ingresos e melloren as condicións de vida das familias, o Centro de Desarrollo de la Micro y Pequeña Empresa (CEDEMYPE) desenvolveu unha xornada de intercambio de experiencias na comunidade Nueva España (municipio de Conchagua, Departamento de La Unión). Representantes da Asociación de Regantes de Nueva España, compartiron a súa experiencia no cultivo de hortalizas, con homes e mulleres que participan no proxecto quenes, pola súa banda, expuxeron a súa experiencia coas hortas familiares. Tralo encontro ambos os dous grupos intercambiaron plantas de guineo (familia do plátano) e frijol e quedaron en contacto para próximas visitas e ofrecer apoio mutuo.

Para facilitar e fortalecer este tecido local, tanto Amigos da Terra como PROMESA (ONG socia do proxecto) comprometéronse a convidar á Asociación de Regantes ás xornadas de capacitación que se desenvolverán no proxecto.