Amigos da Terra reclama protección internacional para os defensores de dereitos humanos

A activista hondureña LesbiaYaneth Urquía tiña 49 anos cando foi atopada asasinada o pasado mércores no vertedoiro municipal de Marcala, no departamento da Paz, Honduras. Amigos da Terra denuncia a situación de indefensión que viven numerosos activistas no país centroamericano e expresa a súa dor pola inxustiza cometida.

Do mesmo xeito que Berta Cáceres, Lesbia formaba parte do Consello Cívico de Organizacións Populares e Indíxenas de Honduras (COPINH,) como lideresa indíxena, opóndose a un proxecto hidroeléctrico sobre o río Chinacla, que cruza por poboacións de indíxenas lencas do oeste de Honduras. A organización ecoloxista reclama o fin da violencia e esixe á comunidade internacional tomar medidas para evitar esta barbarie que desde 2010 acabou coa vida de máis dun centenar de activistas.

Segundo informaron as autoridades, Lesbia foi secuestrada o martes, tras saír da súa casa ao redor das 17:00h en bicicleta. Ao non regresar a casa, os seus familiares comezaron a súa procura até atopala ao día seguinte sen vida. O corpo presentaba un trauma encéfalo cranial aberto, producido por un obxecto cortante.

O asasinato sucedeu tan só catro meses despois da morte de Berta Cáceres e está de novo directamente ligado á loita polos dereitos humanos e ambientais que levaba a cabo Lesbia. Neste caso, o asasinato débese á loita contra o proxecto hidroeléctrico Aurora I, xa que tivo lugar tan só poucos días antes da celebración dunha consulta cidadá no municipio de Santa Elena, xustamente sobre o proxecto hidroeléctrico que o goberno autorizara. A consulta fora promovida polo pobo lenca e o Centro Hondureño para a Promoción do Desenvolvemento Comunitario (CEHPRODEC), polo que todo indica que o crime forma
parte dunha estratexia de intimidación á cidadanía e principalmente ás comunidades indíxenas.

Trátase por tanto doutro caso que reflicte a impunidade das multinacionais en Honduras que seguen operando ao seu antollo, mentres cometen crimes contra os dereitos humanos e ambientais para conseguir os seus obxectivos.