Mentres o debate sobre o CETA, o tratado entre a Unión Europea e Canadá, arrasa en Europa, un  novo informa advirte que o acordo pode rebaixar os estándares de seguridade alimentaria.

Seguridade Alimentaria, Agricultura e Cooperación Reguladora no Acordo Económico e Comercial Global entre a UE e Canadá é un informe desenvolvido  por  Council of Canadians xunto con numerosas organizacións Europeas, entre as que se atopan ATTAC España e Amigos da Terra. No mesmo, exponse as diferenzas normativas entre Canadá e a Unión Europea que poden pór en perigo a seguridade dos alimentos e os estándares de produción europeos.

As pequenas economías agrarias europeas, que levan anos loitando contra a caída de prezos, agora atoparíanse con novos obstáculos, e terían que competir en condicións de desigualdade coas importacións canadenses. “Isto pode ser outro golpe para os granxeiros europeos que competirían cunha agroindustria  sen controis de benestar animal e con estándares mínimos de seguridade” sinalou, presidenta de Council of Canadians. “Canadá non é a natureza virxe que os europeos imaxinan con pequenas granxas salpicando a paisaxe. Co NAFTA, Canadá está inmerso nunha agricultura de produción a gran escala, coa metade da súa produción procedente de tan só o cinco por cento das explotacións”.

No informe detállanse as aéreas onde as normativas canadenses son moito máis débiles que as da UE, incluíndo os alimentos xeneticamente modificados, pesticidas, tinguiduras alimenticias, pito clorado ou hormonas, entre outros. Canadá é o terceiro produtor mundial de organismos xeneticamente modificados (OMG), e recentemente aprobou a venda de salmón xeneticamente modificado. Doutra banda, o país norteamericano tampouco recoñece o principio de precaución europeo.  “Non só estamos a falar dunha competencia desleal cos nosos agricultores e gandeiros, senón de sentar as bases do modelo agroalimentario que queremos ter no futuro:  preservar o modelo maioritario de pequenas e medianas explotacións en Europa , no que se prima a calidade, a seguridade alimentaria, a preservación do medio ambiente e o benestar animal”, apuntou Andoni García, Comisión Executiva de COAG,  “foméntase un modelo produtivo intensivo e industrial, base da comida procesada e dunha dieta pouco saudable. Non podemos botar por terra  a rica e variada tradición gastronómica europea polo interese dun puñado de multinacionais agroexportadoras”.

“En todo o mundo a xente quere máis alimentos locais, sustentables e saudables, para a nosa economía, o noso medio ambiente e o noso benestar. O CETA lévanos en dirección oposta- cara ás granxas industriais, con producións insustentables e con cuestionables normas de seguridade”, declarou  Branca Ruibal, portavoz de Amigos da Terra. “A alimentación é unha parte esencial das nosas comunidades e dos nosos valores. Os europeos deben coñecer como as súas normas poden ser degradadas antes de que tomen unha decisión sobre o CETA.”

“O CETA supón unha ameaza similar ao TTIP, pero ademais é o submarino da economía norteamericana en Europa,  xa que non temos que esquecer que grazas ao NAFTA as empresas estadunidenses que teñan sucursais en Canadá van ter as mesmas oportunidades de operar a través do CETA”, indicou Cuca Hernández vicecoordinadora de ATTAC Madrid e activista da campaña contra os tratados. Engade “Estamos nun momento de gran perigo para o noso futuro, xa que un goberno en funcións que ningunea ao parlamento pode ratificar un tratado que hipoteque  por moito anos da nosa economía e a nosa saúde”.

O CETA pode entrar en vigor unha vez que sexa ratificado polo Parlamento Europeo, por iso as organizacións que forman parte da campaña en contra dos tratados TTIP, CETA e TISA pon este ano o foco nel como perigo máis inmediato, e chaman á mobilización para a semana do 8 ao 15 de outubro que finalizará cunha gran manifestación de Atocha a Cibeles o día 15 ao seis da tarde.
Segue este enlace para coñecer o informe