O vindeiro día 10 de outubro Amigos da Terra organiza en Ourense unha xornada de intercambio de experiencias en torno ao voluntariado europeo, orientada tanto a persoas novas interesadas como a entidades para que empecen a xestionar este tipo de voluntariado.  Tras unha breve sesión introdutoria sobre que é e en que consiste o SVE poderanse coñecer de primeira man experiencias en torno ao voluntariado, tanto de entidades moi diferentes como concellos, asociacións culturais, ambientais ou xuvenís así  como persoas que están realizando ou realizaron o SVE en España ou no extranxeiro.

 

Amigos da Terra, a través do programa Iniciativa Xove da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, está levando a cabo un proxecto de promoción do Servizo Voluntario Europeo (SVE) dado que se ten detectado que a pesar das innumerables vantaxes que teñen este tipo de voluntariado, son practicamente descoñecidos tanto entre a mocidade como entre as entidades.

Que é o SVE?

Este programa fomenta a mobilidade dos mozos e mozas europeas para que coñezan as diferentes realidades doutros países de Europa participando en moi diversas iniciativas. A pesar de que non é remunerado e non ten ánimo de lucro, está apoiado financeiramente polo programa Eramus+. Deste xeito a persoa voluntaria terá cuberto o aloxamento, a manutención, a viaxe, visado se fose necesario e o seguro médico, ademais de recibir mensualmente unha pequena cantidade de diñeiro, que variará dependendo do país de destino. Tamén contará con apoio lingüístico de ser preciso. A súa duración pode ir de 2 a 12 meses, colaborando a tempo completo en proxectos que poden ser de carácter social (infancia, xuventude, persoas maiores), artístico, cultural, vinculados ao deporte, ao benestar animal, o patrimonio ou o medio ambiente, entre outros. Por outra parte, as entidades que xestionan este tipo de voluntariado tamén perciben unha prestación económica para os custes de administración que leva aparellado.

Para que?

Este voluntariado ao desenvolverse no estranxeiro, amplifica as súas vantaxes, xa que non só se trata de desfrutar dunha experiencia persoal única se non que se adquiren coñecementos e se fortalecen habilidades craves que son altamente valoradas polas empresas. Aspecto de moita relevancia no actual contexto de paro xuvenil.

En canto ás entidades que traballan con voluntariado procedente doutros países e polo tanto doutras culturas, tamén obteñen importantes beneficios xa que se produce unha transmisión de coñecementos con novas ideas e experiencias, unha diversificación de actividades, a parte dunha maior conciencia cultural, maior respecto e tolerancia.

Quen pode asistir á xornada?

Esta xornada está orientada a presentar este tipo de voluntariado á xente nova e tamén difundir este programa entre asociacións (xuvenís, culturais, de veciños), centros de ensino, concellos, fundacións ou ONG, que poden participar como entidades de envío, acollida e/ou coordinadoras.

Cando e onde?

Luns 10 de outubro, de 10:30 a 14:30 h. Sala Emilio Pardo Bazán, na planta soto do Edificio de Ferro no Campus Universitario de Ourense.

Que se vai contar?

Tras unha breve sesión introdutoria sobre que é e en que consiste o SVE poderanse coñecer de primeira man experiencias en torno ao voluntariado, tanto de entidades moi diferentes como concellos, asociacións culturais, ambientais, etc como persoas que están realizando ou realizaron o SVE en España ou no estranxeiro.

– 10:30 Presentación da xornada

– 10:40-11:00 Que é o servizo de voluntariado europeo?

Requisitos de participación, duración, actividades, financiamento, etc… Angel Dorrio, técnico de Amigos da Terra

– 11:00 – 12:00 O voluntariado europeo nos concellos

Como se xestiona este tipo de voluntariado desde os concellos. Concello de Ribadavia, Concello de Vedra.

– 12:00 – 13:00 Experiencias de voluntariado nas organizacións

Proxectos que desenvolven con voluntariado europeo distintas asociacións. Xeración (Asociación cultural),Sustinea (Asociación medio ambiental), Amencer (Asociación Xuvenil)

– 13:00 – 14:00 Vivencias de voluntariado

Persoas de distintas nacionalidades contarán como está sendo ou como foi a súa experiencia de voluntariado.

Kelly Goris (Holanda), Emilia Garska (Polonia), Jana Sadovska (Eslovaquia), Osman Dursen (Turquia), Joana Rodriguez (Portugal), Manuel Piñeiro (España).

– 14:00 Petiscos no Renque

Amigos da Terra convida a todas as persoas asistentes a uns petiscos no bar O Renque, para que dun xeito máis distendido poidamos seguir compartindo, preguntando, socializando en torno ao voluntariado europeo.

Como me apunto?

A xornada é de balde pero precisamos que vos inscribades enviando un correo a voluntariado.galicia@amigosdaterra.net onde indiquedes o voso nome e se sodes dalgunha entidade. Por motivos de loxística, tamén deberedes indicar se vos quedades aos petiscos.