Amigos da Terra está participando na segunda edición do Compostela+Solidaria xunto á Coordinadora Galega de ONGD e o concello de Santiago. Para pechar todas as actividades, que se están levando a cabo dende o 23 de maio, organizamos unha Feira Solidaria o venres, 16 de xuño, na Praza Roxa de Compostela na que se ofrecerán actividades e xogos para grandes e pequenos e ofreceremos un espazo de encontro para visibilizar o traballo das ONG de Desenvolvemento na loita contra as desigualdades e pobreza global. Haberá…. chocolatada de Comercio Xusto, obradoiros de comunicación de guerrilla, elaboración dun grafitti sobre a soberanía alimentaria co alumnado de colexios da cidade, xogos cooperativos tradicionais con enfoque de xénero, construción de biofiltros de auga, unha bomba de mecate con materiais de refugallo, elaboración de chapas, mapamundi xigante, etc…

Concretamente Amigos da Terra para dar a coñecer a problemática dos residuos e os seus impactos sobretodo nos países empobrecidos terá, o twistter do lixo para os máis pequenos e información sobre a campaña Alargascencia para os máis adultos. Tamén teremos alí unha cociña solar e levaremos a cabo un taller para a construción dun forno solar caseiro para revindicar enerxía asequible e non contaminante, condición indispensable para a loita do cambio climático. O actual modelo enerxético é o principal contribuínte aos gases de efecto invernadoiro, e aínda que os países enriquecidos somos os grandes consumidores de enerxía, os efectos máis desvastadores do cambio climático sófreno a xente que habita nos países máis empobrecidos.

Todas as actividades desenvoltas na feira están enfocadas á promoción e defensa dos Dereitos Humanos. Hoxe, 2.200 millóns de persoas viven en situación de pobreza extrema e as cifras de desigualdade global non teñen precedentes. Estamos a vivir o maior movemento de desprazamentos forzosos dende a II Guerra Mundial e o actual sistema económico está a xerar desequilibrios medioambientais e sociais que desembocaron nunha situación de crise ecolóxica.

Queremos crear un espazo de convivencia nos que a cidadanía de Compostela poderá coñecer de primeira man a realidade doutras persoas que viven en países empobrecidos e os efectos positivos da cooperación ao desenvolvemento nestes contextos. Todas, actividades para coñecer como contribuír e mudar cuestións globais dende o noso día a día e a nosa realidade máis próxima.

  • Onde?

Praza Roxa, Santiago de Compostela

  • Cando?

Venres 16 de xuño

De 11 a 14 e de 17 a 20:30 horas

 

Agardámosvos!