Neste mes de outubro, comezou oficialmente o proxecto de investigación científica SUBACID (Impacto da descarga de augas SUBterráneas nos procesos de ACIDificación oceánica nas costas atlánticas Europeas: cara a sustentabilidade dos servizos ecosistémicos e da producción acuícola), financiado pola Unión Europea e Irlanda. SUBACID investigará durante os próximos tres anos a descarga costeira de augas subterráneas e os seus efectos sobre a acidificación mariña nas rexións costeiras atlánticas. O principal obxectivo é cuantificar esta fonte de auga e avaliar o seu impacto sobre a composición das augas costeiras superficiais. SUBACID pretende tamén contribuir aos obxectivos da Axenda 2030 de desenvolvemento sostible das Nacións Unidas ofrecendo información ata agora descoñecida para apoiar medidas de xestión costeira que garantan a sustentabilidade dos recursos mariños.

O proxecto, liderado polo investigador ponteareán J. S. Pino Ibáñez, está financiado pola Unión Europea e Irlanda e conta coa participación do Trinity College Dublin (institución principal), Amigos da Terra e o Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC).

Estudiarase, por primeira vez, a descarga costeira de augas subterráneas na Ría de Vigo, para determinar a influencia desta importante fonte de auga doce na composición das augas costeiras e na explotación dos moluscos bivalvos. Para isto, utilizarase a radiactividade natural da rexión para medir Radón nas augas da ría, un excelente indicador da existencia de augas subterráneas.

O proxecto pretende involucrar á sociedade viguesa e do sur de Pontevedra (centros escolares, productores, xestores ou políticos) para concienciar sobre a preservación do medio mariño, e contribuír, mediante o coñecemento científico, á xestión sostible de recursos.

Os océanos absorben cerca do 40% das emisións de CO2 á atmósfera provenientes de actividades humanas, mitigando os efectos do quecemento global. Con todo, esta concentración de CO2 provoca a acidificación oceánica, verificada en todos os océanos do planeta, o que supón grandes cambios ecolóxicos a nivel global, afectando especialmente aos organismos calcificantes como os corais, as algas coralinas ou os moluscos.

Nas zonas costeiras, a interacción continente-océano pode tanto potenciar como mitigar estes procesos de acidificación. As zonas de saída de auga subterránea atópanse frecuentemente en praias, coexistindo co cultivo e marisqueo de moluscos bivalvos. Por iso, o estudio destas interaccións é crucial para asegurar a sustentabilidade dos recursos costeiros.

A Ria de Vigo foi seleccionada como localización principal para os estudos deste innovador proxecto debido á importancia ambiental, social e económica do marisqueo e o cultivo de bivalvos na rexión e, polo tanto, ao elevado impacto potencial da acidificación oceánica na economia local.