A Xunta de Galicia aprobou o pasado mes de setembro unha subvención de 175.000€ para un proxecto de adaptación ao cambio climático de cooperativas de 4 sectores produtivos de Nicaragua.

O proxecto, que deu comezo o pasado mes de outubro, apoia a familias que viven no denominado “corredor seco” de Nicaragua, unha zona especialmente vulnerable aos efectos cada vez máis intensos do quecemento global.

A través desta iniciativa, beneficiaranse a máis de 400 produtoras e produtores de grans básicos, hortalizas, café, e apicultores orixinarios dos Departamentos de Nueva Segovia, Estelí e Madriz, que forman parte deste “corredor seco” nicaraguano, indicou o Instituto de Promoción Humana de Somoto (INPRHU), que leva a cabo as actuacións en coordinación con Amigos da Terra.

Nos próximos meses capacitarase ás comunidades campesiñas para mellorar as súas condicións socioeconómicas e que adopten técnicas de resiliencia ante o cambio climático nas súas actividades produtivas. Para iso, levaranse a cabo formacións ás cooperativas a través das denominadas Escolas de Campo, un modelo de formación teórico-práctico desenvolto con éxito por INPRHU noutros proxectos.

Así, nestes primeiros meses de proxecto, elaboráronse os materiais que se empregarán nas 3 Escolas de Campo previstas (café, grans básicos e produción de alimentos) e mercáronse os equipos precisos para desenvolver as formacións no método Biointensivo, un sistema de produción agroecolóxica de alimentos a pequena escala.

Doutra banda, adquiriuse material e equipamento para mellorar a productividade das plantas de produción artesanal de fungos empregados no cultivo de café, así como material de reposición para produtores e produtoras de mel (caixas, marcos, bases de colmeas, traxes, ceras, etc).

Outra das actuacións que se levará a cabo será a creación de 100 hortas familiares para a produción de grans básicos e hortalizas. Con este obxectivo, foron xa adquiridos cercos perimetrais, ferramentas e outro material para o cultivo. Ademais, co obxectivo de reducir a vulnerabilidade das comunidades rurais ante a seca, instalaranse tamén sistemas de captación de agua de chuvia e rego por goteo.

O “corredor seco” cubre entre 33 e 60 dos 153 municipios na franxa do Pacífico e Norte de Nicaragua, dependen do nivel de impacto da seca que lles afecta.

O Índice Mundial de Riesgo Climático, publicado anualmente pola organización alemana Germanwatch, indica que Nicaragua está no cuarto lugar na clasificación mundial dos países más vulnerables ao cambio climático, a pesares de ser un dos que emiten menos gases de efecto invernadoiro per cápita.