O concello de Santiago e a Coordinadora Galega de ONGD, da cal formamos parte, poñen en marcha a terceira edición do ‘Compostela + Solidaria‘, un programa de sensibilización que se levará a cabo do 25 de maio ao 15 de xuño en distintos espazos da cidade e onde Amigos da Terra participa de xeito moi activo.

PROGRAMA DE ACTIVIDADES

Ao longo de 20 días programaremos obradoiros, charlas, xogos, exposicións, proxeccións e unha Feira Solidaria coa que a cidadanía compostelá terá a oportunidade de coñecer de que forma pode ‘mudar o mundo’ dende o seu día a día. Tamén, de divertirse e coñecer a realidade dos países empobrecidos, o traballo das ONGD galegas e as alternativas solidarias e xustas que, dende o ámbito local, contribúen a cambiar a realidade global.

O programa Compostela + Solidaria mantén a oferta de actividades de balde para todas as idades e incorpora novos espazos da cidade: Centros Socioculturais, Museo do Pobo Galego, Cinema Numax, carpa da SELIC, Praza de Abastos… Amigos da Terra organiza un obradoiro de cosmética natural o sábado 2 de xuño no CSC de O Ensanche. O horario é de 11 a 13 horas e é necesario preinscribirse enviando unha solicitude a este mesmo correo, as prazas son limitadas!!!

Podedes consultar o programa completo neste enlace

EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA ‘TECEDORAS DO CAMBIO’
O Museo do Pobo Galego súmase ao Compostela + Solidaria coa exposición fotográfica Tecedoras do cambio. Historias de lideresas comunitarias que loitan por unha vida digna en América Latina, África e Asia. Unha exposición composta por 23 fotografías de mulleres de 14 países imprescindibles para o desenvolvemento das súas comunidades: labregas, pescadoras, defensoras de dereitos, promotoras de saúde, activistas, mariscadoras… Mulleres que, xunto a organizacións dos seus países, están a traballar, man a man, coas ONGD galegas.  Amigos da Terra aporta a fotografía da nicaragüense Yolidia Hernández.
A exposición inaugurarase o 29 de maio, ás 11:30 horas, e estará aberta ata o 24 de xullo. Esperamos contar coa vosa presencia!!!!

MOSTRA DE CURTAMETRAXES SOCIAIS
O cinema Numax colabora este ano coa organización dunha mostra de curtametraxes sociais que terá lugar o 31 de maio, ás 21:15 horas, e na que se proxectará unha sesión de 5 curtas sociais  de directores e directoras de distintos países que tratan cuestións como o racismo, as migracións e a violencia machista. Ao rematar, haberá un coloquio no que participará Álvaro Gago, o director da aclamada curtametraxe Matria, que falará sobre o papel do arte e o cinema na denuncia social e responderá ás preguntas do público.
A sesión será de balde e, para poder asistir, só hai que inscribirse no correo info@numax.org.

FEIRA SOLIDARIA
Estaba previsto que a Feira Solidaria fora o punto de partida de Compostela + Solidaria este 25 de maio. Pero por motivos metereolóxicos decidiuse adiala para o venres pola tarde do 15 de xuño na Praza Roxa da cidade. Un espazo pensado para o encontro e no que haberá propostas para todas as idades:xogos do mundo, radio comunitaria, obradoiro de ritmos da man da batukada feminista, un acto de rúa contra a xitanofobia… Amigos da Terra participará cun obradoiro de reparación de roupa, un mercadiño de troco de roupa de bebés, nenas e nenos e un taller para argallar nos portátiles xunto ca ONGD Enxeñería Sen Fronteiras e a Plataforma Mina Touro O Pino Non.

Con esta terceira edición a cidadanía compostelá terá a oportunidade de aprender facendo, de divertirse e de coñecer a realidade dos países empobrecidos, o traballo das ONGD galegas e as alternativas solidarias e xustas que, dende o local, contribúen a mudar o mundo.

Esperámosvos!