Cada minuto, o equivalente a un camión de lixo cheo de plásticos chega ao mar e cada ano ata 12 millóns de toneladas de plástico acaban nos nosos océanos causando graves danos. Está claro que necesitamos cambiar esta situación, e que necesitamos alternativas, pero os bioplásticos e os plásticos biodegradables non son unha delas.

Na seguinte infografía explicámosche porqué os bioplásticos non son a solución para a contaminación por plásticos: Infografía. Os plásticos biodegradables ou os bioplásticos realmente non nos axudan a frear a contaminación por plásticos, nin a reducir o consumo insustentable de recursos naturais. Seguen sendo polímeros derivados do petróleo, que xeralmente se utilizan para producir obxectos dun só uso e por tanto poden chegar aos nosos mares e océanos tras ser rapidamente refugados. Ademais os plásticos biodegradables se fragmentan en microplásticos, estendendo este tipo de contaminación por todos os recunchos dos océanos e quedando dispoñibles para peces e outros organismos que posteriormente nós mesmos consumimos.

Hai moitos tipos de plásticos biodegradables, pero ningún se degrada facilmente no medio mariño. Só se degradan en condicións industriais xa que necesitan procesos especiais, por exemplo expoñelos a altas temperaturas; condicións que non se dan no medio natural onde moi dificilmente rematan degradandose. Por tanto, ao seguir presentes no medio ambiente, causarán os mesmos danos á fauna mariña que os plásticos convencionais. Ademais, estes materiais non frearán a produción e o consumo masivo de plásticos, e incrementarán o sobreconsumo de recursos naturais, que son a orixe deste problema.

O que realmente necesitamos é aplicar solucións efectivas para poder frear o problema do lixo mariño, do sobreconsumo de recursos e o dos plásticos en particular. Necesitamos un cambio real a nivel de sistema de produción e consumo xa que a mera substitución de plásticos dun só uso por outros materiais non será suficiente. Utilizar plásticos biodegradables ou outros produtos dun só uso só alimentará falsas solucións que impedirán solucionar a crise de contaminación por plásticos á que nos enfrontamos.

Por iso, Amigos da Terra, Greenpeace, Retorna, Rezero, e Surfrider España pedimos que se elaboren políticas e normativas que sexan realmente efectivas para frear este problema de raíz. Os bioplásticos e os plásticos biodegradables non son unha alternativa aos plásticos convencionais e por tanto non se deberían fomentar como tal. No marco de “Xullo libre de plástico” ( Plastic Free July), promovido pola alianza global BreakFreeFromPlastic, queremos que as alternativas expostas pola lexislación española avancen realmente para unha eliminación do plástico dun só uso, e todos os seus impactos asociados. A verdadeira solución a este problema é promover o uso de materiais reutilizables para todo tipo de obxectos, e acabar coa cultura do usar e tirar.