Onte, 10 de Outubro, o Comité de Medio Ambiente do Parlamento Europeo votou a proposta de Directiva sobre produtos plásticos dun só uso da Comisión Europea, para reducir a contaminación de plásticos nos nosos mares.

O texto sometido a votación polo comité, a pesar de conter aspectos moi positivos como a prohibición de produtos innecesarios, así como porcentaxes ambiciosas de reciclaxe, que xa incluía a proposta da CE, define os plásticos dun só uso de forma ambigua.

Isto permitiría interpretacións diferentes para os envases dun só uso e, por tanto, abriría a porta a que os produtores puidesen evitar a prohibición de determinados artigos.

Reclamamos accións ao Parlamento para prohibir todos os plásticos dun só uso e fomentar alternativas reutilizables reais

Amigos da Terra advirte que esta normativa de vital importancia, pode representar un gran paso para poñer freo ao grave problema de contaminación por plásticos ao que se enfronta o planeta.

Con todo, os europarlamentarios teñen que ser claros e votar por un texto que non deixe opción a considerar produtos desbotables como reutilizables.
Dende Amigos da Terra sinalamos que “a definición dada aos plásticos dun só uso mina gran parte da proposta para reducir a contaminación por plásticos. É inimaxinable que unha empresa teña a opción de comercializar unha palliña de plástico dun só uso coma se fose reutilizable e, segundo a definición proposta, isto sería posible”.

Un futuro con máis plásticos que peixe nos mares

O problema dos plásticos en contornas mariñas e terrestres é perentoria, e irá a máis se non se toman as medidas axeitadas. As estimacións da Fundación Ellen McArthur prevén que se non hai un cambio de modelo de consumo, en 2050 haberá máis plásticos que peixe nos océanos. A proposta elaborada pola Comisión incluía a prohibición de produtos innecesarios ou facilmente sustituibles como palliñas ou vaixelas e xogos de cubertos de plástico dun só uso, así como porcentaxes ambiciosas de reciclaxe, a través da recollida separada, coa recomendación de utilizar sistemas de depósito e retorno en gran parte dos casos, como sucede coas botellas de plástico, para as que se expón un 90% de reciclaxe en 2025.

Á proposta da CE, o comité de medio ambiente engadiu a prohibición das bolsas de plástico moi liviás, envases de poliestireno para alimentos e bebidas e produtos feitos de plástico oxo- degradable. Á súa vez sinalaron que as botellas de plástico deberán fabricarse cun 35% de plástico reciclado.

Maior claridade, medidas concretas de redución e reforzar a responsabilidade dos produtores deben ser as melloras imprescindibles que aínda lle faltan á nova norma propostas para reducir os plásticos

Neste momento, a posición do Parlamento Europeo é clave. O próximo 22 de outubro os europarlamentarios terán que votar as propostas do Comité. Desde Amigos da Terra, como membros do movemento global Break Free From Plastic, reclamamos unha mellora da Directiva, cunha definición clara dos plásticos dun só uso, con medidas concretas para reducir estes produtos e fomentar os reutilizables, eliminar os pseudo-plásticos das alternativas (como os plásticos biodegradables ou os papeis con láminas plásticas na súa composición), reforzar a responsabilidade ampliada do produtor, establecer a obriga ás empresas de facerse responsables do 100% do custo ambiental dos seus produtos, e apostar por medidas de recollida que alcancen obxectivos óptimos, como os sistemas de retorno. Amigos da Terra espera que a presión da sociedade civil, cada vez máis consciente do problema, cale nas decisións do Parlamento Europeo e que as próximas negociacións do trílogo avancen polo camiño axeitado para transitar cara a unha economía circular real que poña fin á contaminación por plástico en contornas terrestres e océanos.

Chamada á participación

Participa en Operación Plastic Off, a campaña reivindicativa que temos en marcha con diferentes accións para visibilizar e combater a contaminación por plástico. Tes moitas formas de sumarte, desde poñer en práctica os diferentes consellos que che ofrecemos ata participar nas accións que organizamos a través dos nosos grupos locais, presentes en distintos territorios; sinalamos aos culpables e propoñemos alternativas para reducir a contaminación por plástico e loitar contra un dos principais problemas desta década.”

Únete á revolta, desplastifícate!