Arboricidio na OU-536, estrada da Xunta de Galicia, ao seu paso polos concellos do Pereiro de Aguiar e Esgos están cortando polo pé árbores con perto de cen anos. Árbores que non supoñen ningún risco para a seguridade.

A estrada OU-536 está xestionada pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda (Xunta de Galicia). Esta estrada comunica a capitalidade provincial coa Ribeira Sacra e coas Terras de Trives-Caldelas, unha das máis bonitas da provincia polo seu trazado e polas formacións arbóreas que se atopan no seu percorrido. Tanto na Derrasa (Pereiro de Aguiar) como a a altura do Pinto (Esgos) hai árbores centenarias de grandes dimensións (carballos, plátanos, freixos, nogueiras, choupos…) árbores que non supoñen ningún risco para a seguridade vial e que forma un harmonioso conxunto de alto valor patrimonial, estético e paisaxístico (lembramos que estamos na estrada de entrada a Ribeira Sacra e ao Macizo Central Ourensá) polo que e preciso protexer e realizar os coidados precisos ao arborado existente tal e como se fai nos países do conxunto da Unión Europea.

Nestes días, avisados por veciños/veciñas e usuarios da OU-536 pódese observar que tanto na Derrasa (Pereiro de Aguiar) como no Pinto (Esgos) están cortando polo pé as árbores existentes (traballo realizado pola empresa pública da Xunta SEAGA e unha empresa madeireira ourensá). Árbores de alto valor patrimonial, paisaxístico, etnográfico…

Un dos exemplares xa cortados polo pé era un plátano de sombra con máis de 30 metros de altura, 126 centímetros de diámetro e uns 80 anos de idade en moi bo estado de saúde e situado detrás da valla de protección da estrada, árbore que estaba a entrada da aldea do Pinto.

Xa se cortaron ata o día de hoxe (15 de outubro de 2018) 20 choupos e 4 plátanos de sombra, todos eles exemplares únicos, de grandes dimensións e bo porte, ningunha das árbores supuña risco para a seguridade polo que a súa corta polo pé non ten xustificación. Tamén se observan danos nas árbores lindeiras ás cortadas e estragos en paredes de pedra.

Tendo en consideración o valor patrimonial e paisaxístico das árbores da estrada OU-536, tendo en consideración que estamos na entrada da Ribeira Sacra, é preciso a protección e coidado das árbores que aínda quedan, un dos poucos exemplos na provincia de Ourense de corredor arbóreo ao longo dunha estrada, un exemplo de respecto ao patrimonio arbóreo, de cultura e de sensibilidade.

Solicitamos e esiximos a protección do conxunto das árbores existentes ao longo da OU-536. Que no caso de ser preciso algunha poda das árbores se faga seguindo os criterios axeitados sinalados polos especialistas en mantemento da arborado.

Consideramos que despois das desfeitas realizadas as árbores que tanto en Ourense como en Galicia se teñen feito nos conxuntos arbóreos que ata fai ben pouco había na contorna das nosas estradas, estamos no intre de trocar de actitude e protexer os poucos exemplos que nos quedan. A OU-536 é un destes poucos exemplos que se deben conservar.

Dende Amigos da Terra dirixiranse escritos a Xunta de Galicia, Deputación de Ourense e aos Concellos de Pereiro de Aguiar, Esgos e aos concellos que integran a Ribeira Sacra. As adminsitracións non poden promover a Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, e sen xustificación estragar e destruír o patrimonio arbóreo que integra a este territorio único polos seus valores patrimoniais e naturais.

“Só aquel que coñece os valores das árbores sente o desexo de protexelos”