Este luns 15 de outubro, comezaba na sede de Nacións Unidas en Xenebra a cuarta sesión de traballo do tratado de dereitos humanos e empresas, co obxectivo de establecer un instrumento xuridicamente vinculante que protexa ás comunidades locais e poña fin á impunidade coa que multinacionais cometen violacións de dereitos humanos.

Cada semana teñen lugar máis de 5 asasinatos de defensores de dereitos humanos no mundo. Tan só en 2017 máis de 300 persoas foron asasinadas por protexer os dereitos das súas comunidades por encima dos intereses económicos. Crimes que, na maioría dos casos, quedan totalmente impunes. Para lexislar neste sentido e evitar estes abusos desmedidos, desde Nacións Unidas está a traballarse na creación dun instrumento xuridicamente vinculante.

Dereitos para os pobos, regras para as empresas.

Este tratado, defendido por máis de 200 colectivos e organizacións, baixo a “Campaña Global para desmantelar o poder Corporativo e pór fin á Impunidade“, podería previr e remediar os danos e violacións producidas polas empresas transnacionais, cuestionando o predominio de inversionistas e negocios asentados sobre os tratados comerciais por encima dos dereitos humanos.

Ao longo destes anos a posición da Unión Europea foi virando dun punto a outro á hora de apoiar un tratado con medidas firmes contra as violacións de multinacionais. Este último ano a UE obstaculizou completamente a ferramenta legal na que vén traballando.

O Estado Español que podería tomar a iniciativa e decantarse por un tratado a favor dos dereitos humanos, tal e como incorporou ao seu discurso na lexislatura, lonxe de manterse coherente, cumpre coa misión de non participar e só escoitar a outros estados. Ante este importante debate a postura da misión española é a de non romper a disciplina da Unión Europea que decidiu seguir sen participar nin activa nin positivamente.

As contradicións españolas en materia de Dereitos Humanos e Multinacionais

A posición da misión española contradí as palabras de membros da executiva socialista que en reunións mantidas a semana pasada aseguraban a membros da campaña que “sempre apoiaron un instrumento xuridicamente vinculante sobre Empresas e Dereitos Humanos” e que “ían seguir apoiando e non cambiarán de criterio”. Desde a executiva comprometíanse a contactar con responsables do Ministerio de Asuntos Exteriores para garantir que a posición do partido era coherente co que defendese a representación española na reunión de Xenebra.

O goberno español decidiu así desatender o mandato das dúas proposicións non de lei aprobadas polo parlamento español durante a primeira metade de 2018, presentadas polos grupos parlamentarios do “Partido Socialista” e de “Unidos Podemos”, e que instan a unha participación activa ao goberno neste proceso.

Organizacións e sindicatos piden ao Goberno un posicionamento a favor desta regulación sobre Dereitos Humanos e Multinacionais

As organizacións sociais asinantes esixen que o goberno de Pedro Sánchez tome a palabra en Xenebra e mostre, como fixo en recentes ocasións, que un Estado pode abrir un debate no seo da UE e facer avanzar a defensa dos Dereitos Humanos. Amigos da Terra leva anos desenvolvendo diversas propostas neste sentido.

Proposta da “Campaña Global para desmantelar o poder Corporativo e pór fin á Impunidade