Na Semana Global de Redución de Residuos lanzamos unha campaña de promoción de uso do táper en peixarías, carnicerías e supermercados para a redución de bolsas dun só uso.

Baixo o lema Aquí o teu táper si! pretendemos reducir os milleiros de bolsas que diariamente saen de peixarías, carnicerías e supermercados cunha vida útil de non máis de 10 minutos e que, sen embargo, no medio tardarán 150 anos en descompoñerse.

Segundo a ONU, a contaminación por plásticos é un desafío ambiental determinante; en 2050 haberá máis plástico que peixes nos océanos. No modelo actual as embalaxes están deseñadas para desbotarse inmediatamente despois do seu uso, despilfarrando así toneladas de recursos naturais que son precisos para fabricar elementos cunha vida útil moi curta. En Galicia, ademais, de todos os plásticos que se poñen no mercado, nin sequera un 15% chega a ser reciclado, isto significa que acaban en vertedoiros, incineradoras e o que é peor, nos nosos montes, ríos e mares.

En Amigos da Terra iniciamos esta Semana Global de Redución de Residuos sinalando ás empresas como as verdadeiras responsables da contaminación con plásticos, esixindo políticas e accións de redución en orixe; de aí que tamén buscamos a implicación dos establecementos como pequenas tendas e supermercados. Sen esquencer que como cidadanía, tamén podemos propor alternativas prácticas e movilizarnos por un modelo de consumo que avance cara o residuo cero!

Que podes facer ti?
–> Solicítanos que che enviemos o cartel “Aquí o teu táper si” ao correo info@amigosdaterra.net ou o imprímeo ti mesma (enviamosche o arquivo) ou pasa a recollelos polas nosas sedes.
–> Fala ca túa tenda de confianza (carnicería, peixería, charcutería, supermercado) para que coloque os carteis da campaña en sitios visibles e facilite o uso de tápers e bolsas de tela ou maia por parte da clientela.
–> Dá exemplo levando o teu táper ás tendas e supermercados e fala das súas ventaxas:
* Aforramos cartos ao no pagar a bolsa
* Chegamos a casa cos alimentos en mellor estado
* Evitamos os graves problemas do plástico como son como son a morte de aves e animais mariños, invasión das nosas praias e ríos e un inimigo oculto: os microplásticos, o auténtico problema. Estas micropartículas son absorbidas por plantas e animais e, finalmente, chegan ao noso prato.
–> Súmate á Operación Plastic Off son moitas as cousas que podes facer para reducir o impacto da contaminación por plásticos.

Únete ao movemento residuo cero, desplastifícate!

 

(*) O cartel foi deseñado por Lucía Espino Alvarado  (luciaespinoalvarado@gmail.com)