O vindeiro venres 6 de decembro a cidadanía e numerosas organizacións da sociedade civil volveremos encher as rúas na Marcha polo Clima. É unha mobilización mundial que terá lugar en Santiago de Chile e Madrid, trala decisión unilateral do goberno chileno de cancelar a COP25 e a súa posterior acollida en España.

O ano 2019 marcou un antes e un despois na loita polo planeta. Mobilizacións como o 15M, o 27S e o 7Ou fixeron historia non só a nivel estatal, senón mundial, con millóns de persoas nas rúas pedindo medidas inmediatas ante a crise ecolóxica e social. A colaboración entre moi diversos colectivos (sociais, ecoloxistas, estudiantis, etc.) permitiu articular un movemento que o pasado 27 de setembro comprometíase, baixo o lema “Todas polo clima”, a un espertar colectivo ante un sistema depredador no social e ambiental. Esta nova onda de mobilizacións, a coordinación entre diversas organizacións da sociedade civil, e dunha cidadanía cada vez máis comprometida constitúen o contexto no que chega a COP25 a Madrid, convertendo este evento nunha oportunidade para a clase política de demostrar que apostan pola vida e o futuro do planeta.

O traslado do cume de Santiago de Chile a Madrid supuxo un esforzo loxístico sen precedentes para os grupos activistas de ambas localizacións, pero sería inxusto obviar que este cambio de ubicación non é un mero obstáculo, senón que supuxo a perda de voces vitais que xa non serán escoitadas no cume, como as dos pobos indíxenas. As organizacións convocantes da Marcha polo Clima condenan de forma tallante a violación de Dereitos Humanos en Chile e esixen o seu cese. A represión contra o pobo chileno por parte do seu goberno é un ataque á democracia e á loita pola xustiza social e ambiental. A Marcha polo Clima fai esta condena extensible ao resto de zonas do mundo onde se están producindo os mesmos ou parecidos procesos.

Por todos estes motivos e moitos máis, a sociedade sairá á rúa para deixar claro á clase política que os ollos do mundo están postos no cume. O próximo día 6 de decembro produciranse dúas mobilizacións mundiais en Santiago de Chile e en Madrid, unhas manifestacións que cunha voz única trasladarán que fronte á inacción dos gobernos as persoas estamos dispostas a plantar cara ante a urxencia climática. Seguir tolerando as políticas extractivistas e fósiles, como as zonas de sacrificio chilenas, son inadmisibles. A falta de vontade das nacións de enfrontar a urxencia socioecolóxica só conleva maior degradación ambiental, a alarmante perda de biodiversidade, maiores desigualdades, a imposibilidade de reducir o fame no mundo ou mellorar o acceso ao auga e un longo etcétera.

A urxencia climática xa non é algo aberto a debate. Está aquí, é real e son moitas as voces diversas necesarias para facerlle fronte. As das mulleres, tantas veces acaladas e invisibilizadas, cumpren un rol fundamental nas loitas tanto desde o Sur como desde o Norte global, non só como vítimas do sistema se non tamén como axentes activas do cambio. As da mocidade mobilizada polo clima, que ven perigar o seu futuro, e o seu presente. As das comunidades e poboacións indíxenas, que se xogan a vida cada día defendendo os bens naturais comúns e sofren as peores consecuencias do cambio climático. E as de toda a vida no planeta.

 

Manifesto ‘O mundo espertou ante a urxencia climática’