O pasado luns arrincaba en Madrid a COP25, Conferencia de las Naciones Unidas sobre el Cambio Climático de 2019.

Á espera do comezo da Cumbre Social (a contracumbre) o sábado 7 e con ganas de participar da Marcha polo Clima convocada para esta tarde, activistas de Amigos da Terra chegados a Madrid nos trasladan o seu sentimento de vergoña e estupefacción ante os anuncios, carteis e portadas das grandes eléctricas e das multinacionais a favor do medio ambiente: “Un escaparate verde, baleiro por detrás” expresaba María Durán, de Amigos da Terra.

Fai unhas semanas nunha acción de rúa en Pontevedra, mostrábamos en directo a presenza de microplásticos nos areais galegos, ao tempo que sinalábamos a Coca cola, Nestlé e PepsiCo como as maiores responsables da contaminación con plásticos na nosa contorna natural.

Hoxe en Madrid, na COP25, despois de colocar no mercado milleiros de envases de un só uso, Cocacola elude a súas responsabilidades e culpabiliza a consumidores e consumidoras con mensaxes hipócritas a favor da reciclaxe.

Baixo o lema “O mundo despertou ante a emerxencia climática”, a sociedade unirase hoxe nunha marcha pacífica para demostrar o seu compromiso polo clima. Xente de todo o mundo que ven a intercambiar ideas e a contaxiar ganas de cambio, e que agarda que a esfera política esté a altura.