Hoxe 15 de decembro pola mañá finalizaba o cume do clima de Madrid, ata agora a máis longa das 25, cun acordo insuficiente e sen perspectivas dunha melloría dos compromisos de redución de emisións. O texto lonxe de constituírse como un punto de inflexión para situar a temperatura global do planeta por baixo dos 1,5°C, nos aboca aos 3°C, deixando un gran traballo para a COP26 en Glasgow, e pouco tempo para actuar.

Unha vez máis as comunidades do Sur Global son as máximas esquecidas. Desde Amigos da Terra recalcamos que este cume demostra que a única forma de enfrontarse á crise climática é un cambio radical do sistema económico. Desta forma os gobernos tomarán as decisións adecuadas, para garantir que a vida na Terra estea por encima dos beneficios empresariais.

Mellor que non haxa acordo sobre mercados de carbono, que un mal acordo

Unha das áreas de traballo onde se esperaba máis avances era o que se coñece como Artigo 6 do Acordo París, o que establece un sistema internacional de mercado de carbono. Neste sentido celebramos que as negociacións sobre o mesmo pospuxéronse para a COP26, posto que a intención da Presidencia de Chile era pechar un mal acordo que inundaría o sistema con bonos de carbono de acordos anteriores, e aberto a porta ao dobre conteo e novos mecanismos comerciais (mecanismo de desenvolvemento limpo). Estes mecanismos non farían si non agravar aínda máis a crise climática e prexudicar ás comunidades do sur, especialmente as indíxenas. Por todo, opoñémonos ao artigo 6 e aos mecanismos baseados no mercado.

Os países ricos resístense a pagar pola súa responsabilidade histórica

Tras este Cume non houbo avances significativos en materia de financiamento climático, nin no que se coñece como “Perdas e Danos” (impactos que xa causou o cambio climático), nin términos de financiamento a longo prazo. No primeiro caso soamente estableceuse a formación dun grupo de expertos para desenvolver o que se coñecerá como “Rede de Santiago”, cuxo fin supostamente será catalizar asistencia técnica de organizacións e expertos a estes países vulnerables, mellorando así a súa capacidade de resposta aos efectos do quecemento.

No caso do coñecido Fondo Verde do Clima, a COP25 de novo foi completamente ineficaz á hora de asegurar o diñeiro comprometido para 2020 (100.000 millóns de dólares). Neste sentido, a actitude de países como Estados Unidos, foi realmente lamentable, evadindo en todo momento a súa responsabilidade histórica e capacidade de financiamento.

Alzamos á vez unha soa voz pola Xustiza Climática

A Marcha polo Clima de Madrid do pasado 6 de decembro só pode cualificarse como un rotundo éxito e unha mobilización histórica cidadá. Case medio millón de persoas vindas de todas as partes da Península e de todo o mundo alzaron de xeito simultánea coa sociedade civil chilena en Santiago de Chile, unha única voz pola Xustiza Social e Climática.

En só tres semanas, a sociedade civil española da que formamos parte activa desde Amigos da Terra, logrou facer historia convocando a maior Marcha polo Clima da historia de España, e unha das maiores a nivel mundial, abrindo así mesmo un espazo consagrado á sociedade civil con decenas de actividades diarias (Cume Social polo Clima), e un espazo de converxencia no centro da cidade para acoller colectivos e actividades como formacións e talleres de arte.

“De Madrid a Glasgow, un longo e sinuoso camiño”

O texto acordado é floxo, especialmente en conto á ambición climática. Sabiamos que esta era un “cume de transición”, no entanto, en términos xerais e malia a duración do Cume (récord en 25 anos), os avances foron escasos. Queda patente unha vez máis a falta de ambición das grandes potencias emisoras como Estados Unidos, China, India e demais, e o obstáculo que representan para alcanzar o obxectivo comprometido en París fai 4 anos.

Malia a boa vontade do Goberno español, o persistente bloqueo de diversas áreas de traballo por parte dos países máis contaminantes, encamíñanos cara a un futuro moi escuro. Ademais criticamos que estes países poñen en cuestión a validez da carta de Dereitos Humanos nas negociacións, algo totalmente inadmisible, e consideramos que Nacións Unidas debería asegurar salvagardas deste tipo nos textos.

Queda moito por facer antes de Glasgow, e continuaremos facendo campaña contra os Mercados de Carbono, e a favor dos Dereitos Humanos das comunidades do mundo que están sendo máis devastadas polos impactos do cambio climático.

¡Xustiza Climática Xa! ¡Empresas fóra das negociacións!