Cando ducias de cidades e vilas galegas teñen asinado mocións prohibindo no seu termo municipal o uso de animais en espectáculos e festas Ourense da un paso importante xustamente na dirección contraria. O concello de Ourense debería en todo caso sumarse a esta crecente prohibición do uso de animais en espectáculos.

A organización ecoloxista considera lamentable que, a estas alturas, aínda existan concellos que non entendan que o uso de animais nestes espectáculos supón un exemplo evidente de maltrato animal, máxime cando ademais falamos de especies exóticas, fora dos seus hábitats naturais, e reducidos a ser usados como simple divertimento ignorando o estres e sufrimento ao que son sometidos. Estas prácticas (tristemente aínda legais) non deixan de ser unha parte do problema engadido do tráfico ilegal de animais que segue aumentando á sombra do mercado legal.

Amigos da Terra lamenta que o concello de Ourense decida entrar na competición iniciada por Vigo para ver que cidade consegue liderar o ranking do maior impacto ambiental das festas de Nadal. Non podendo afortunadamente competir en luminarias o concello de Ourense parece optar por facer exhibición de “ter poucas luces” en todos os sentidos.

Como alternativa Amigos da Terra propón que a propia corporación municipal podería disfrazarse de renos e tirar do carriño de Papá Noel. O propio alcalde podería protagonizar o evento que, de seguro, tería un espectacular impacto mediático. A organización cedería unha nariz vermella postiza para destacar o protagonismo do señor Jácome como Rudolph.