As cinco grandes organizacións ambientais reclamamos unha Vicepresidencia con medios suficientes e todas as competencias necesarias para protexer a biodiversidade e loitar contra o cambio climático.

Desde Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, SEO/BirdLife e WWF dirixímonos por carta ao presidente Pedro Sánchez para felicitarlle pola Vicepresidencia de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico e reclamar un liderado forte e coherente da mesma. Para iso, esiximos moitos máis recursos económicos e humanos e todas as competencias necesarias para afrontar os enormes desafíos que ten suscitados.

Así mesmo, denunciamos as presións que nas últimas horas están exercendo determinados sectores produtivistas, tanto en público como en privado, para que competencias fundamentais como a política do auga ou a conservación dos bosques queden fose da influencia desta Vicepresidencia e do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.

Pedimos a Pedro Sánchez que a protección da biodiversidade (que nin sequera se cita no Real Decreto de reestructuración do Goberno) sexa unha prioridade para o novo Executivo, para o que reclamamos que esta Vicepresidencia teña competencias sobre todas as políticas que inciden na conservación da natureza.

Aínda que España segue sendo o país máis rico en biodiversidade da Unión Europea, todos os estudos científicos indican un afundimento nas poboacións de numerosas especies, fundamentalmente polo grave impacto do actual modelo de agricultura e gandería intensiva, de silvicultura e de pesca, así como pola excesiva e insostible construción de infraestruturas e o urbanismo incontrolado.

Tamén denunciamos que malia a importancia esencial dos ecosistemas e a biodiversidade para a economía, o emprego ou para frear o despoboamento rural, nos últimos anos a administración de conservación e xestión da biodiversidade foi descapitalizada ata niveis alarmantes. Os recursos económicos dispoñibles son ínfimos e o persoal dedicado é totalmente insuficiente e necesita renovarse. As cinco organizacións consideran que esta situación é insostible, polo que piden ao Presidente do Goberno unha aposta real pola defensa da biodiversidade nesta lexislatura, para o que solicitan con carácter de urxencia:

1. Dotar o Fondo de Patrimonio Natural e da Biodiversidade a través dos Orzamentos Xerais do Estado e co 1% do custo de todas as obras públicas.

2. Dotar ao MITECO da estrutura e das competencias en biodiversidade, hoxe dispersas, para garantir unha política coherente e efectiva, así como aumentar substancialmente o orzamento e o persoal técnico, especialmente nos departamentos encargados da conservación da natureza (biodiversidade, auga, bosques, costas e calidade ambiental).

3. Garantir que a protección da biodiversidade sexa un eixe fundamental da transición ecolóxica e que todas as políticas relacionadas se aliñan con esta prioridade baixo a coordinación da Vicepresidencia de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.

 

2020 é un ano clave para a biodiversidade. En outubro celébrase o Cume Mundial de Diversidade Biolóxica da ONU. Neste escenario, existe non só unha oportunidade clara senón a necesidade urxente de que España adopte medidas específicas para deter a perda de biodiversidade. Xogar este papel supoñerá a proba definitiva da vontade real do Goberno e a nova Vicepresidenta á hora de levar a cabo a transición ecolóxica. No Estado membro coa maior riqueza e patrimonio natural da UE, desde as organizacións ecoloxistas estaremos especialmente vixiantes nesta materia e animamos ao Goberno a asumir o reto.