Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, SEO/BirdLife e WWF reunímonos esta mañá coa Vicepresidenta para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribeira. As organizacións solicitamos ao Goberno que aborde os maiores retos ambientais aos que se enfronta España e que lidere a nivel europeo as políticas máis avanzadas en defensa da natureza e as persoas.

O novo Goberno de coalición chega nun momento no que as crise ecolóxica e climática resultan evidentes e en todo o planeta aumentan os chamamentos para inclinar a balanza en favor da sostibilidade e dun sistema económico máis xusto.

Así, entregamos hoxe a Teresa Ribeira un documento coas propostas ambientais para os primeiros 100 días de Goberno. Este documento recolle trinta propostas en dez bloques que o Goberno debería poñer en marcha nos primeiros cen días do seu mandato para recuperar o tempo perdido e avanzar con decisión na necesaria transición ecolóxica.

Os propostas enmárcanse en cinco temáticas: novo marco para a transición ecolóxica, novo modelo de desenvolvemento, residuo cero, urxencia climática e calidade de vida.

Para abordar o novo marco para a transición ecolóxica as organizacións ecoloxistas ven necesario sentar as bases dunha transición ecolóxica eficaz, eficiente e xusta, así como anunciar unha lei de fiscalidade ambiental.

Respecto ao novo modelo de desenvolvemento identificaron medidas concretas para abordar a necesidade de iniciar a transición hidrolóxica, sentar as bases dunha política agraria, alimentaria e rural sostible, e poñer en marcha medidas urxentes para frear a perda de biodiversidade.

Co obxectivo de residuo cero, o documento recolle accións para impulsar un modelo produtivo baseado na redución do consumo de recursos materiais con especial atención ás políticas de residuo cero.

Para facer fronte á urxencia climática insisten nunha Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética máis ambiciosa, aprobar un Real Decreto de acceso e conexión á rede eléctrica e unha lei de mobilidade sostible e financiamento do transporte público. Así mesmo, o documento presenta propostas para que España lidere a loita contra o cambio climático na Unión Europea.

Para rematar, consideraron propostas para a calidade de vida, dirixidas a frear a contaminación e reducir o uso de sustancias perigosas.

Documento completo: Propostas ambientais para os primeiros 100 días de Goberno