· O Goberno non conta coa participación da poboación afectada e o sector ecoloxista para o novo Real Decreto de porcino.

· A poboación afectada e as principais organizacións ecoloxistas denuncian o impacto ambiental e social da gandería industrial porcina.

O pasado 13 febreiro o Goberno publicou no Boletín Oficial do Estado un novo Real Decreto para regular o sector porcino español. A Coordinadora Estatal Stop Ganadería Industrial, Amigos da Terra, Ecologistas en Acción, Greenpeace, SEO/Birdlife, WWF e Food & Water Action denuncian a falta de participación das organizacións ecoloxistas e da poboación afectada pola expansión da gandería industrial de porcino. Lamentan, ademais, a oportunidade perdida que supón este decreto para limitar e reordenar un sector que crece de xeito exponencial.

Denunciamos a falta de participación social para a elaboración deste Real Decreto, no que o Ministerio de Agricultura non respondeu ás alegacións presentadas por un amplo conxunto de organizacións da sociedade civil. Demandamos unha moratoria ás novas explotacións gandeiras industriais e a apertura dun debate social para avanzar cara a un modelo sostible que responda á urxencia climática.

Desde fai anos as entidades mostran a súa preocupación pola situación descontrolada da gandería industrial de porcino na xeografía española, e instan ao Goberno a tomar medidas urxentes, como xa fixeron outros países, ante os problemas ocasionados por este tipo de gandería para o mundo rural, o medio ambiente e a saúde das persoas.

Así sinalan os graves impactos sobre o medio ambiente e a despoboación:

· España aumentou a súa cabana porcina en máis de cinco millóns de animais entre 2013 e 2018 e o número anual de animais sacrificados ao ano alcanza xa os 52,4 millóns. No mesmo período 2013-2018, España incrementou un 60 % as súas exportacións de carne de porco, con especial crecemento das exportacións a Asia.

· Este crecemento exponencial estase desenvolvendo a través de grandes explotacións industriais, nun modelo de integración vertical que está substituíndo as pequenas e medianas explotacións gandeiras independentes que fixan poboación no medio rural.

· O forte crecemento da cabana gandeira porcina está imposibilitando que España cumpra os límites de emisións de amoníaco marcados pola lexislación europea. A gandería é responsable do 67 % das emisións de gases de efecto invernadoiro do sector agrícola, que é xa o cuarto principal emisor de España. O porcino é xa responsable do 22 % das emisións da gandería en España.

· Este modelo de gandería industrial orientado á exportación ten graves impactos na calidade do auga, con decenas de pobos sen auga potable e contaminación de acuíferos por nitratos nas zonas de expansión da industria porcina. Os plans hidrolóxicos vixentes (2021-2027) puxeron en evidencia a mala calidade das masas de auga, en gran medida, debido á gandería industrial. A próxima revisión destes plans ten que poñer as medidas que aborden este problema e que eviten o deterioro dos acuíferos e dos ríos.

· O crecemento exponencial da cabana porcina xerou unha mobilización sen precedentes no medio rural, coa creación de decenas de plataformas veciñais por todo o territorio en defensa dun mundo rural vivo, articuladas en torno á Coordinadora Estatal Stop Ganadería Industrial.

· Aínda que o Real Decreto trata a necesaria xestión dos residuos e os purins, non establece mecanismos de control suficientes sobre o seu uso como abono orgánico en relación co seu impacto sobre a biodiversidade das zonas onde se empregue.

As tímidas medidas adoptadas no Real Decreto para limitar as emisións de amoníaco, mellorar a xestión dos puríns e regular as explotacións industriais non afrontan a urxente necesidade de limitar o crecemento, reordenar o sector porcino industrial español e ata reducir a cabana, tal e como están facendo outros países da UE que se enfrontan ao mesmo problema.

Ademais, non se dá resposta á mobilización de miles de persoas no medio rural contra os impactos xerados por esta industria. Así mesmo, esta norma non aborda o impacto negativo que este tipo de explotacións xera á biodiversidade.

Amigos da Terra, Ecologistas en Acción, Greenpeace, SEO/Birdlife, WWF, xunto con Food & Water Action e a Coordinadora Estatal Stop Ganadería Industrial reclaman unha moratoria á aprobación de novas explotacións gandeiras industriais, así como á ampliación das existentes, e a apertura dun amplo debate social que involucre a todos os actores implicados para proceder á urxente reordenación do sector e a necesaria transición cara a un modelo de gandería verdadeiramente sostible.