Este 8 de marzo celébranse mobilizacións en todo o mundo para apoiar as reivindicacións feministas nas que participará a asociación.

As mulleres de Amigos da Terra Internacional lanzan unha publicación para explicar por que a xustiza de xénero é clave para alcanzar a xustiza social e ambiental.

Amigos da Terra, xunto á súa federación internacional, súmase ás mobilizacións e reivindicacións feministas non só para o 8 de marzo, senón de forma permanente, e insiste na necesidade de apoiar a xustiza de xénero para lograr a xustiza social e ambiental. Para este fin, lanzamos unha publicación na que dá resposta a algunhas das preguntas e reflexións suscitadas polas persoas que conforman a organización e as nosas sociedades en xeral.

O modelo socioeconómico actual reproduce as estruturas de opresión que afectan principalmente ás mulleres. Este sistema sustentado no patriarcado está detrás das crises ecolóxicas extremas ás que se enfronta a humanidade, como a crise climática, e, como en todas as facetas e sectores da vida, as mulleres son as que sofren as peores consecuencias. Este sistema apóiase nas mulleres, aproveitándose do seu traballo e das cargas impostas nas sociedades patriarcais para “compensar” a destrución e privatización da natureza e as crises ambientais e económicas.

 

Coma federación de base que traballa pola xustiza ambiental e social, entende que o cambio de sistema é clave para a transformación das nosas sociedades. Así, considera que a xustiza de xénero e o desmantelamento do patriarcado son indispensables para lograr sociedades máis xustas que poñan fin á devastación ambiental á que nos aboca o sistema económico imperante baseado na explotación das poboacións máis vulnerables e os seus ecosistemas.

O sistema actual que causa unha desigualdade cada vez maior, cébase principalmente coas mulleres. A desigualdade de xénero impregna todas e cada unha das nosas sociedades, e perpetúa a violencia e a pobreza contra a metade da poboación; o 70% das persoas empobrecidas no mundo son mulleres. Para cambiar esta situación de desigualdade, os movementos de mulleres únense para esixir un trato digno, así como a igualdade en todos os ámbitos, no reparto de recursos e de traballo en todas as súas vertentes.

Por que son necesarios o feminismo e o desmantelamento do patriarcado para avanzar cara a unha sociedade igualitaria, coas persoas e a Terra no centro das políticas?

Esta é unha das preguntas ás que trata de dar resposta a publicación da organización ecoloxista, que reflexiona sobre isto e narra diferentes historias relacionadas coa xustiza de xénero.

A práctica e análise ecofeminista que se expoñen na publicación axudan a entender e dar visibilidade á relación intrínseca da explotación e violencia exercidas contra a natureza e contra as mulleres no marco do modelo de produción e consumo extractivista. Neste contexto, o tempo e o traballo das mulleres identificados cos “coidados” son considerados recursos infinitos e “gratuítos” coma se realizásense sen ningún tipo de esforzo. Trátase dun traballo que segue quedando totalmente invisibilizado e infravalorado, cando non só é indispensable para manter o modelo económico actual, senón que é imprescindible para soster a vida.

Esta situación é aínda máis complicada para as mulleres dos países do Sur, mulleres indíxenas, mulleres racializadas e mulleres LGTBI. Con todo, non cabe dúbida, e día a día demóstrase que as mulleres son as protagonistas da resistencia, da defensa dos territorios e da loita pola autonomía dos corpos, a vida e a forza de traballo.

A xustiza social e ambiental farase realidade na medida que se impugne e desmantele o sistema de opresión fundado no patriarcado, a división de clase, o modelo económico e o racismo, opresións sistémicas que se reforzan mutuamente a través da explotación dos corpos, traballo, territorios e da natureza. Por este motivo, Amigos da Terra súmase ás mobilizacións do 8M e anima á cidadanía a apoiar as reivindicacións feministas para lograr a xustiza social e ambiental.

Únete! Segue esta ligazón para participar nas mobilizacións #8M

***

Publicación: Por que a Xustiza de Xénero e o desmantelamento do patriarcado?