• Menos Carne: apostamos por reducir drasticamente o consumo de carne
  • Mellor Carne: a gandería extensiva e agroecoloxica é aliada do medio ambiente e do mundo rural.
  • A gandería industrial e o consumo de carne actual son en gran medida responsables da crise climática

No Día Mundial sen Carne, 20 de marzo, reivindicamos unhas políticas agrarias e gandeiras que limiten a produción desmesurada de carne e fomenten unha gandería extensiva e agroecoloxica, en definitiva unha produción respectuosa cos ecosistemas e as persoas.

A Política Agraria Común, PAC, en proceso de revisión por parte dos Estados membro, desempeña un papel crucial no modelo de consumo e produción alimentario actual. As estratexias e medidas que se apliquen repercutirán na nosa forma de alimentarnos, na nosa saúde e medio ambiente.

Esta modificación representa unha oportunidade para darlle un xiro de 180 graos ao sistema de consumo e fomentar e impulsar as pequenas granxas familiares, baseadas na agroecoloxía, as canles curtas de comercialización, e promover así un modelo saudable e un mundo rural vivo.

Os impactos sociais e ambientais do consumo desmesurado de carne producida de xeito industrial van en aumento: socavan os ecosistemas e destrúen o emprego nos nosos pobos. Para facerse unha idea, o 80% de todas as terras agrícolas a nivel mundial destínanse á alimentación de gando; o 14% do total das emisións de gases de efecto invernadoiro a nivel mundial xéraas a gandería industrial (a mesma cantidade que todas as xeradas polo transporte), e a gandería industrial é responsable do 70% da deforestación no Amazonas.

Desde Amigos da Terra facemos un chamamento á cidadanía para que reduza o seu consumo de carne, e priorice a compra procedente dunha gandería extensiva e agroecoloxía, a cal fomenta o benestar animal, non contribúe á deforestación e fixa poboación no mundo rural, entre tantas vantaxes. Con todo, a demanda principal dirixímola á clase política para que dunha vez por todas fomente unhas políticas agrarias e gandeiras que promovan unha dieta saudable para a xente e o planeta.

A inxesta de proteína animal quintuplicouse no oúltimo medio século. Na actualidade cada persoa come de media 46 kg de carne ao ano, tan só en España, segundo datos do Ministerio de Agricultura. Nas últimas décadas, as macroexplotacions industriais de carne convertéronse no método de produción gandeira con maior crecemento en todo o mundo, producindo aproximadamente o 72% da carne de polo, o 55% da de porco e o 60% dos ovos a nivel mundial.

Ante esta situación, hai estudos que suxiren que un cambio de dieta na poboación dos países ricos ten o potencial de combater a crise climática coa redución de ata un 50% das emisións de CO2.

A Comisión EAT-Lancet estableceu o novo termo de «dieta de saúde planetaria» para resaltar o papel fundamental que desempeña a alimentación na saúde humana e a sostibilidade ambiental, así como a importancia da mesma para lograr os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, ODS, e o Acordo do Clima de París.

En Amigos da Terra apostamos por un consumo de Menos Carne e Mellor Carne, e é precisamente isto o que reclamamos para a PAC. Porque é vital reducir o consumo de carne e apoiar a produción de carne procedente da gandería extensiva e agroecolóxica, e reducir así os efectos do cambio climático, protexer a biodiversidade, promover o benestar animal e garantir que as persoas produtoras poidan traballar dignamente e poidan vivir nun mundo rural vivo.